Camilo de Dios

Escribo estas liñas recén chegado do Tanatorio Municipal de Sandiás, ubicado na antiga reitoral da parroquia de San Estevo, onde tivo lugar un fermoso acto de despedida a Camilo de Dios, falecido o martes. Como xa dixeron os medios de comunicación, era –xunto con Quico Martínez e Esperanza Martínez, “Sole”– un dos membros da guerrilla antifranquista que continuaban vivos. Incorporárase á loita guerrilleira aos 15 anos e formou parte da IIª Agrupación do “Ejército Guerrillero de Galicia”. Tiven a honra de coñecelo na Coruña, cando -acompañado do amigo Ernesto Vázquez Souza- asistín por vez primeira á anual homenaxe que o PCG lle rende, no cemiterio de San Amaro, a Gómez Gayoso e Seoane, asasinados polo poder fascista o 6 de novembro de 1948. Camilo formara parte do grupo de 20 guerrilleiros que, en outubro, intentaran asaltar o cárcere e liberalos, operación que nos detallara tomando uns viños despois do acto. Lembro que ficáramos pampos. Uns meses despois do frustrado asalto foi detido, salvaxemente torturado, xulgado e condenado a morte. Salvárono os seus 17 anos. Home íntegro e de ben, malia a longa e durísima represión padecida, xamais quixo vinganza.

Camilo de Dios

Te puede interesar