Cabodano de Gayoso e Seoane

Na mañá de onte, sábado, acudín –como, habitualmente, veño facendo desde hai anos–, ao cemiterio coruñés de San Amaro para participar no acto de homenaxe a Gayoso e Seoane, asasinados pola ditadura franquista o 6 de novembro de 1948, despois de ser sentenciados a morte nun Consello de Guerra sumarísimo carente das mínimas garantías. Aplicóuselles o garrote vil -xeito de morte infamante fronte á da dignidade do fusilamento, se é que se pode falar neses termos- na propia prisón da Coruña na que estaban detidos. Tense dito que foran fusilados en Adormideras, mais isto non foi así, tal e como me confirmou o amigo Bernardo Máiz, excelente coñecedor da materia. En calquera caso, non deixa de ser un detalle macabro o feito de que nos certificados de defunción conste como causa das mortes “derrame interno”, como se pode ler na reproducción facsimilar que no seu día publicaron Xesús Alonso Montero e Xosé Ramón Fandiño, xunto con outros materiais de interese relacionados con estes bárbaros sucesos.

Como é sabido, froito dunha traidora delación, o 10 de xullo de 1948 foi detido na praza de Lugo da Coruña Antonio Seoane e ao día seguinte, no portal do número 23 da rúa Real, fórono José Gómez Gayoso e a súa compañeira María Blázquez del Pozo. No conxunto da operación policial caeron tamén outras tres mulleres –Clementina Gallego, Carmen Orozco e Josefina González Cudeiro, compañeira de Seoane– e catro homes, que sufriron toda caste de interrogatorios e torturas. Como onte lembrou Manuel Peña-Rey no acto do cemiterio, esas mulleres tiveron un comportamento exemplar que cómpre resaltar sempre e, se cadra, máis aínda nestes tempos en que se segue na loita pola igualdade. Mais estes e estas non serían condenados á pena capital como os seus camaradas Gayoso e Seoane, aos que Rafael Alberti, no poema “Héroes caídos de la Resistencia Española”, rendeu tributo de admiración en coñecidos versos como estes: “¿A quién nombraré primero? / Nadie es segundo en mi lengua / cuando es de acero el acero / Si uno es glorioso, en glorioso / al otro no hay quien le gane. / Si digo Gómez Gayoso, / ya estoy diciendo Seoane.

Gayoso e Seoane, ou viceversa, foron asasinados polo goberno de Franco, isto é, polo Estado. E digo isto porque supoño que recordarán que Inés Arrimadas, hai ao redor dun mes, declaraba nunha rolda de prensa que “evidentemente quen fusilou o señor Companys foi un réxime franquista, fascista, non foi o Estado español”. Supoño que esta dirixente de C’s, que acusaba a Torra de non saber historia, descoñece, por exemplo, declaracións como as efectuadas por Manuel Fraga Iribarne, na altura ministro de Información e Turismo, en defensa do “Estado de derecho” español fronte ás acusacións procedentes do estranxeiro polo fusilamento de Julián Grimau o 20 abril 1963. 

Cabodano de Gayoso e Seoane

Te puede interesar