Ben merecida homenaxe

Andaba a pasear pola portuense ribeira do Douro na primaveral e espléndida mañá do 25 de abril, cando escoitei o son das mensaxes de WhatsApp do móbil. Abrino e fiquei pampo cando lin: “Acaba de morrer Mel”. Como había relativamente pouco tempo que o vira, aparentemente ben, era totalmente alleo aos seus problemas de saúde. Ningunha das persoas que nos trataban a ambos nada me comentara. Debido a que desde que en outubro do 68 -en breve irán aló 50 anos- fixen a maleta para ir estudar a Santiago a miña vida en Ferrol foi breve e esporádica non tiven oportunidade de coñecer a Mel -uns anos máis novo- ata hai máis ou menos oito anos cando iniciei unha nova etapa de residencia na cidade que, por certo, está tocando ao seu fin.
Se, como nos din os dicionarios ao uso, a amizade é unha relación de afecto, simpatía e confianza que se establece entre persoas, e un amigo é quen mantén unha relación de amizade, debo dicir que, en puridade, fun amigo de Mel. Nestes meus últimos anos ferroláns -se cadra non derradeiros- coincidín en innúmeras ocasións con el nos sitios máis diversos, mais sempre lugares onde o compromiso social, dun xeito ou doutro, se facía patente. Nin que dicir ten que o seu grao de participación en diferentes plataformas era ben maior que o meu, que non deixaba de ser un amateur ao seu lado un auténticvo e avezado case profesional. 
Hai dous días, como non podía ser doutra maneira, fixen todo o posible para poder estar presente, no Centro Cultural Carvalho Calero, no Inferniño Folk. Ese festival de música tradicional galega xa consolidado ao que Mel, amante recoñecido desa nosa música, dedicou horas de traballo, desta volta organizado como merecida homenaxe á súa persoa e que contou coa participación da Escola de Gaitas do Rosario e máis o grupo Berros do Castro. Son dos que pensan que as homenaxes hai que realizalas en vida, cando as persoas aínda están a pleno rendemento, o que non sempre é doado pola tendencia aos ciumes e envexas de tanta xente. Creo que non foi este o caso do amigo Mel. 
O ton das intervencións –absolutamente todas– que se puideron escoitar no estrado do Carvalho Calero soáronme a sinceridade e espontaneidade fondamente sentidas, o que me leva ao convencemento de que, máis que aos asistentes, a quen ían dirixidas era a un homenaxeado vivo que os estaba escoitando. E aí a grandeza. Mel, a fin de contas, era aínda un home novo cheo de vitalidade e é evidente que non se adoita pensar que xente así pode deixarnos axiña. Sempre connosco camarada.

Ben merecida homenaxe

Te puede interesar