Athenea

a madrugada do pasado mércores metinme na cama co recordo das últimas imaxes do partido de cuartos de final da copa de fútbol feminina en que o Deportivo venceu por un contundente e rotundo 7-2 ao Valencia.  A longa experiencia de espectador futbolístico dime que hai moitos casos en que un resultado así de avultado non garante un bo partido, mais ese non é o caso do acontecido o pasado martes en Riazor. Porque as 7.569 persoas que alí estivemos –xa quixeran esa entrada uns cantos equipos da 2ª masculina– saímos encantados da vida polo que, resultado á parte, acababamos de ver. Houbo moi bos e bonitos pases, regates ou goles que puiden e quixen volver degustar na rede. Mais o que non puiden volver a ver foron as imaxes cos que mentalmente me recreei nos momentos previos a quedar pracidamente durmido, que son as que motivaron estas liñas. No minuto 93 o Dépor marcou o sétimo gol e, non obstante, nos segundos que faltaban para o pitido final, Athenea pegou unha carreira pola banda de case medio campo para tentar recuperar un balón que a puidese poñer en condicións de marcar -ela ou unha compañeira- un oitavo tanto. Ademais de visión de xogo, técnica, colocación, rapidez... demostrou ese admirable pundonor, digno de todo eloxio.

Athenea

Te puede interesar