Até sempre, amigo Carlos

Estando no Obelisco coruñés, na concentración de pensionistas do pasado sábado, escoitei o son dun aviso de WhatsApp. Puxen operativo o móbil e vin que se trataba dunha mensaxe do caro e vello amigo e compadre Xosé Ramón Fandiño: —Morreu Carlos Drácula. -Hostia, respondinlle. Meu neto, que me acompañaba, debeume ver demudado e preguntou intranquilo: -Que pasou? -Morreu un amigo benquerido. Xa máis tranquilo expliqueille quen viña sendo. En poucos minutos, as miñas palabras e, sobre todo, a miña cabeza fixeron un percorrido por longos anos da miña vida compostelá. Coñecín moita xente en Santiago, aprecio e quero ben algunha dela, mais ben pensado teño o convencemento de que Carlos García Martínez, xunto con Fernando Acuña ou Pepe Caamaño -xa desaparecidos-, Aurichu Pereira e Xosé Ramón Fandiño son, por diversos motivos, os meus referentes fundamentais da cidade. A miña praza do Obradoiro humana. A miña Compostela, sen Carlos, xa nunca vai ser a mesma. Sempre vou botar en falta as conversas amables, moitas leccións vitais, a expresión dun pensamento fondo e ben estruturado, sabedoría, amor a Galicia.

Até sempre, amigo Carlos

Te puede interesar