UN ANO MÁIS DE PEDRÓNS

Esta mesma mañá do domingo que pecha maio, ás doce e media, terá lugar, na padronesa Casa da Matanza, a entrega dos premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra, que cada ano, desde 1964, outorga a Fundación do Pedrón de Ouro, actualmente presidida con grande acerto e dilección polo meu vello e querido amigo Xosé Ramòn Fandiño. O que, nos duros tempos que corren para a cultura galega -como para tantas cousas-, non é tarefa doada. Abofé.
Como é sabido, o Pedrón de Ouro quere recoñecer publicamente a personalidades ou entidades vivas, residentes na Galicia, que teñan destacado na defensa e/ou promoción en calquera eido relacionado coa cultura nacional. O primeiro galardoado foi o poeta rianxeiro Faustino Rey Romero e daquela a hoxe foron distinguidos entre outros e outras -como sempre e por desgraza moitas menos mulleres- Carvalho Calero (1967), Xohana Torres (1972), Filgueira Valverde (1973), Díaz Pardo (1976), Cunqueiro (1980), Colmeiro (1982), Milladoiro (1985), Méndez Ferrín (1987), Laxeiro (1988), Alonso Montero (1992), César Portela (1997), Xosé Manuel Beiras (2005), Mini e Mero (2009), Lidia Senra (2011), Nova Escola Galega (2012) ou o Museo do Pobo Galego, o pasado ano.
O Pedrón de Honra, pola súa banda, concédeselle a persoas ou entidades radicadas fóra da Galicia que se teñan distinguido polo seu traballo na defensa e/ou promoción da cultura galega no exterior. Recibírono xentes, galegas ou non, como Borobó, Basilio Losada, Neira Vilas (daquela residente na Habana), David MacKenzie, Arcadio López-Casanova, John Rutherford,  Mariana Ploae-Hanganu, Dorothé Shubart ou os ferroláns Fernando Pérez-Barreiro e Vicente Araguas.
No presente ano 2015 o Pedrón de Ouro recaeu en Edicións Laiovento para “premiar a súa contribución, desde unha óptica progresista, plural e aberta, á normalización cultural e política de Galicia, así como a calidade estética dos libros de creación e o rigor científico dos de investigación, que caracterizan os máis de 400 títulos publicados nos seus 25 anos de existencia”, tal e como se recolle na acta de concesión. E o de Honra no escritor e xornalista lugués Miguel Anxo Murado “pola súa contribución a dignificar e dar a coñecer o nome de Galicia nos lugares nos que desenvolve o seu labor profesional”. Está establecido estatutariamente que o acto de entrega dos galardóns teña lugar o primeiro domingo despois do 17 de maio, data que houbo que retrasar por coincidir este ano coa xornada electoral. O lugar, como xa quedou apuntado, é a Casa da Matanza de Padrón, na que Rosalía pasou, cando menos, os dous últimos anos da súa vida e onde faleceu ó mediodía do mércores 15 de xullo de 1885 -vai para 130 anos- “a consecuencia de una degeneración cancerosa del útero”, segundo se di na partida de defunción. Na presente edición actuará como mantedor do acto literario o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo.
É máis que coñecido que nesta Casa-Museo, adquirida por suscrición popular, ten a súa sede a Fundación Rosalía de Castro, presidida na actualidade polo escritor e profesor Anxo Angueira. Mais na historia, tanto da adquisición e restauración casa como do devir da Fundación tiveron moito que ver dous paisanos nosos: Octavio San Martín e Agustín Sixto Seco. Ambos foron presidentes; o médico-traumatólogo mugardés nada menos que cinco décadas pasadas. Como ben saben os seguidores dos premios, a asistencia é aberta, libre e ben recibida.

UN ANO MÁIS DE PEDRÓNS

Te puede interesar