Algo máis que un fin de historia

Nos primeiros meses de 1967 -a miña memoria non pode precisar máis, pero tampouco creo que valla moito a pena- chegou ás pantallas de cine ferrolás, concretamente á do Capitol, a versión española de Un Homme et une femme, o filme francés de Claude Lelouch sobre o que xa había opinións encontradas. Fora galardoada coa Palma de Ouro do Festival de Cannes do ano anterior e case afirmaría que aínda non obtivera o par de premios Oscar –á mellor película de fala non inglesa e ao mellor argumento e guión– que se lle concederían pouco despois, no mes de abril dese ano 1967. A película traía, ademais, un valor engadido naqueles tempos de ríxida censura política e eclesiástica (aquela dos 3R, maiores con reparos, ou 4, gravemente peligrosa, que se exhibía nas portas de todas as parroquias) como era o de ter escenas de cama, pouco ou nada vistas. Recordo que Pepe Criado e máis eu, que eramos compañeiros de curso, tiñamos ganas de vela e, como eramos menores de 18 anos –eu tiña 16 e el 17– andamos dándolle voltas á mellor forma de que nos deixasen pasar. Decidimos faltar a clase e ir á primeira sesión da tarde e a unha localidade cara, xa que podía dar a entender que tiñamos permiso da casa ou que xa traballabamos. Fixamos o día e entramos sen problema ningún. Logo, resultou, que o das supostas escenas escabrosas non era para tanto, mais a película tiña os seus atractivos, contrastándoa coas que estabamos máis afeitos a ver. Gardo a impresión de que, sen entusiasmarme, gustara dela.

Neste ano, no festival cannesiano celebrado o pasado mes de maio, o xa octoxenario cineasta parisiense -ollo, que aínda non chegara á trintena cando realizou Un home e unha muller- presentou fóra de concurso o filme Les Plus Belles Années d’une vie, estreado entre nós a semana pasada. Funno ver na tarde noite de antonte e recoméndollelo, máis aínda se puidese ser en versión orixinal, pois Lelouch, como ten manifestado, construíu a película ao redor da voz de Jean-Louis Trintignant, dado que é a máis fermosa do mundo.

Gran mérito do director é o de ter conseguido volver reunir os mesmos actores 53 anos despois, máxime cando tanto Anouk Aimée como Trintignant –enfermo de cancro– son case nonaxenarios e levan tempo afastados das rodaxes. E outro tanto habería que dicir de Souad Amidou e Antoine Sire, hoxe nas portas da sesentena, que só tiñan 7 e 5 anos cando a primeira rodaxe e que non teñen a actuación cinematográfica como actividade principal.

Desta volta, xa non vai haber para máis, queda pechada aquela relación que ficara aberta no primeiro filme, mais que, como agora sabemos, seguiu diferentes camiños polas infidelidades do home. Que a desfruten.

Algo máis que un fin de historia

Te puede interesar