Alerta permanente

Con relativa frecuencia vénme á cabeza a lembranza dun falecido colega da Universidade da Coruña, principalmente por un asunto do que, durante un tempo –os últimos meses dun ano escolar de finais do século pasado– case sempre me falaba cando coincidiamos tomando un algo –café, viño, cervexa– nalgunha das cafeterías do campus, cousa que sucedía con frecuencia. O tema tíñao realmente preocupado, como adoita acontecer con moitos outros dos que afectan aos nosos fillos. O problema en cuestión tiña que ver coa decisión a tomar no caso do fillo, un estudante regular que finalizaba a secundaria cunha cualificación media que non lle ía permitir –e iso que eran mellores tempos– estudar o que quería na Universidade galega e, consecuentemente, barallaba, con reservas, a posibilidade de que se matriculase nunha privada madrileña. Á volta daquel verán coincidimos en Riazor. Tiñamos localidades moi próximas e, cando a tribuna non estaba completa, adoitabamos sentar xuntos. No transcurso do partido manifestoume que, finalmente, optaran pola solución da privada. Díxomo en termos como estes: “Non me convence nada e vaime costar un pastón, pero, en definitiva, vanlle regalar un título e logo xa se verá. O do regalo do título tíñao claro. E recordo o que me sorprendera esa afirmación. O meu colega era persoa máis ben conservadora, de familia da burguesía coruñesa de toda a vida e cunha posición económica cómoda e desafogada. Xa que logo, o feito problemático non era o de ter que pagar duro, senón o de pagar con aquela finalidade. Como profesor universitario que era, sabía que o mellor ensino superior en España estaba nas universidades públicas. Logo, non moito despois, o home morreu e nunca souben como acabou a historia, mais, como dixen, téñoa recordado en múltiples ocasións. Máxime cando se fala, como está a acontecer ultimamente, da creación dunha Universidade privada en Galicia. En verdade que me alporiza moito escoitar falar dese tema, porque, por moitas voltas que lle dea, non lle atopo xustificación ningunha. Fóra de que Abanca -que é quen está detrás do proxecto- queira consolidar “su propio negocio de enseñanza superior”, como xa se ten lido por aí. Porque é iso do que se trata, de converter o ensino superior nun negocio máis. Un negocio que, segundo as cifras que teñen visto a luz, á volta de 6 anos acadaría uns ingresos próximos aos 15 millóns de euros, procedentes duns prezos de matrícula que oscilarían entre os 7.500, dun grao, e os 10.500, dun máster, no primeiro ano. Para pobres non é, está claro. Se hai a quen se lle fan custosos os prezos da UDC –uns 990 euros de media– imaxinen vostedes quen vai estudar aí. A Xunta do PP –fronte á opinión dos reitores– avala iso. É evidente que temos que cambiar de goberno. 

Alerta permanente

Te puede interesar