A mocidade coa lingua

Convidado polo amigo Manolo Pazo, compañeiro de andanzas varias, entre outras a das páxinas deste noso Diario, na mañá de onte acudín ao Auditorio para deleitarme vendo e escoitando as músicas e letras interpretadas pola rapazada escolar de diferentes centros da comarca que participou na vixésimo sexta!!! edición d’A mocidade coa lingua. Observando todo aquilo desde o meu asento da planta superior pensaba nos posibles porqués de que non circule ou non chegue adecuadamente a información. Sempre me considerei, desde os meus anos de alumno do Concepción Arenal, unha persoa minimamente ben informada e con preocupación por estalo. Lía diariamente o xornal que chegaba á casa e escoitaba os informativos, na radio primeiro e na televisión máis tarde. Pois ben, malia iso, ata onte o meu coñecemento do que era A mocidade coa lingua era practicamente nulo. Mágoa, non sabelo antes porque me pareceu que paga realmente a pena. Moi bo nivel. Do que puiden ver -que non foi todo- gustei moito do grupo Indianos, do IES Fernando Esquío. Para falar da espléndida Banda da loba haberá outra ocasión. 

A mocidade coa lingua

Te puede interesar