A mesma melodía

O tema da educación é cousa que sempre me preocupou e xa me teño referido a el nunhas cantas columnas como esta que ando a escribir. Nunca marcharon da miña cabeza as constantes recomendacións que, desde que era ben pequeno, me daba miña avoa Fortuna, cominándome a estudar, a prepararme para cando fose grande. Hoxe o normal é poñerlles aos cativos os exemplos de grandes figuras do deporte -tristes vidas moitas delas, por certo-, que tamén as había daquela, aínda que os mellores non percibisen esas, a todas luces obscenas, cantidades mareantes. Os exemplos que me poñía para mirarme neles eran doutra índole. O nome máis recorrente, case unha constante, era o de Santiago Montero Díaz, mugardés de familia, aínda que nado en Ferrol, catedrático daquela da Universidade Central de Madrid -hoxe Universidade Complutense, non confundir coa Juan Carlos I-, onde sería ponente da tese de doutoramento de Carvalho Calero e na que sería sancionado polo seu apoio ás mobilizacións estudantís de 1965. Ese era o espello que me ofrecía miña querida avoa mugardesa. Non cheguei a sabio, como Montero Díaz, mais algún caso lle fixen.
Dez anos despois da suspensión de Montero Díaz e outros catedráticos morría o ditador. Na altura, eu xa era profesor universitario e recordo que eses meus primeiros cursos foran anos de continuadas loitas estudantís, mais tamén profesorais e da práctica totalidade dos sectores laborais en demanda dunha sociedade máis xusta que acabase cos privilexios daquela corrupta ditadura. E non se deberon facer moi ben as cousas. Á fronte do Estado atopámonos cun rei co que nunca soñaramos, curiosamente designado polo ditador defunto, con gobernos cheos de ex altos cargos franquistas que facían pouco crible o que estaba acontecendo. Ninguén cambia da noite para a mañá. É tan sabido como imposible. Fixéronse infinitas concesións. Mudou a codia, pero ficou o verme. Como ficaron case que intactos os mecanismos da corrupción. E velaí volven estar mandando os mesmos substituídos por fillos, sobriños, netos... Nos primeiros anos do franquismo sen Franco houbo tamén forte actividade de estudantes universitarios da dereita extrema, que non querían ver por terra as prebendas dos papás. Hai uns días recibín unha páxina dun xornal de 21 marzo de 1976 cunha noticia na que se reproducen anacos dunha carta que 17 estudantes de dereito da Complutense enviaran ao ministro de Educación en desacordo cunhas súas manifestacións. Este era o titular da noticia: “La violencia de la extrema derecha es el reflejo de su legítima defensa ante el asalto de grupos de signo absolutamente contrario”. O último dos asinantes era José María Ruíz-Gallardón, irmán do exministro. O segundo Íñigo Méndez de Vigo y Montojo, actual máximo responsable da educación.

A mesma melodía

Te puede interesar