1º de Maio

Despois duns cantos anos ausente, volvo pisar as rúas coruñesas para me manifestar máis unha vez polo 1º de maio. Considero o Día Internacional dos Traballadores unha das datas senlleiras -se non a que máis- dos meus anuais calendarios e é por iso que, se a memoria non me engana, nunca deixei de acudir a celebralo estivese onde estiver. O que lamentei, outro ano máis, foi ver que continúa a desunión sindical. O de Proletarios do mundo, unídevos! parece que connosco non vai, que o inimigo debe ser o sindicato do lado. En fin. Como a miña militancia sindical se limita a pouco máis que ao pago das cotas descoñecía o percorrido da manifestación. Tomando un café, pergunteilles a uns mozos con pegatinas da CIG se sabían cal era. Informáronme moi amablemente. Iso si, en español. Ao longo do percorrido, entre a nutrida asistencia, fun atopando vellas coñecidas e amigos e botando en falta outras e outros. O mesmo que diante da sede da Subdelegación do Goberno onde acabou o acto. Alí, como non, veume á cabeza a imaxe de Xosé Manuel Pose, cantando xuntos a Internacional puño ergueito ao remate dunha manifestación unitaria.

1º de Maio

Te puede interesar