viernes 7/8/20

Senegalego

Hai uns días estiven co meu amigo Anxo Ansede comendo no restaurante Luís en Pontedeume. A carón da nosa mesa, unha familia era atendida con xentileza polo camareiro.Chamoume a atención o correcto español que falaba. Cando veu cabo de nós, en canto observou que nos expresábamos en galego,cun sorriso e amabilidade extraordinaria, mudou de lingua. Abraiados e agradecidos, preguntámoslle polo seu nome e as súas orixes. Respondeu, Gabriel. Engadiu: son senegalego. E no fondo dos seus ollos proxectáronse as acacias do Sahel, a selva, e o manglar. E no seu sorriso navegamos, acompañados polas misteriosas voces dos griots, na sunu gaal até perdernos no océano. E, na regalía da nosa e súa lingua, brincamos a ritmo de mbalax...

Velaí un exemplo para moitos dos que atenden os negocios na Galiza, incapaces de se dirixir en galego aos clientes que a usamos.

Gabriel, baneh bima don wër fekknaco Galiza.

Comentarios