Fin de curso

Contemplo desde a xanela da aula o bulir dos alumnos. O patio ecoa os murmurios dos que hoxe ollan a súa vida con trazo groso que semella  tornarse  inagotábel.  
Dedos tecleando  mensaxes que, probabelmente, van alén dos muros do Instituto. Chíos e rechouchíos que se repiten. Catro xogando ao fútbol e algúns outros ao baloncesto.  
En todos eles os seus  rostros reflicten un aquel entre a alegría e a preocupación do momento. Fin de curso. Aprobados e suspensos deitan nos brazos abertos do verán os seus proxectos. E nos currunchos, chanzos e bancos, testemuñas de promesas e bicos roubados ao tempo, fican, esparexidos, folios a medio encher. E na pizarra unha palabra aguda cun til vermello inconcluso...
Unha parella de crías de pombos brinca entre as pólas das abidueiras. Envólveme a saudade de brincadeiras na procura de liñeiros polas estremas espiñentas das corredoiras.
 

Fin de curso

Te puede interesar