Na carballeira de Verde

Na carballeira de Verde, veciña da Ponte Mazaira, no Furelos, pousei  a cana e o cesto. Procurei acougo ao pé dun carballo e concentreime no rumor da auga e nas polas aínda espidas nas que, entre raiolas fuxidías, brincaban esquíos. Acontece que cando digo Furelos embárgame a emoción. Porque Furelos é un fervedoiro de silencio nas brañas que se transforma en estrondo na Fervenza. Alalá entre ameneiros e meandros. Balada na Tosta, no solpor, que se prolonga alén da Vía Láctea. Alborada no Rechinol... E blues  amargo que sabe a vertido contaminante, a enxurrada impune agochada no silencio cómplice. A veleno que o mata. Que nos mata... Váiseme o Furelos. E con el a memoria. O neno. O mozo. O vello... 

E se alguén escoitar este  SOS desesperado  polos Furelos do meu País, saiba que os nosos ríos de sempre lle cantaron ás ribeiras. E nos seus ollos descubrimos as estrelas. S.O.S. ficaremos sen eles. SÓS.

Na carballeira de Verde

Te puede interesar