Arredor dun café

Navego entre o tenue fume que agavea cara ningures acompañado das palabras de Ricardo Carvalho Calero reivindicándose desta tribo : “eu nascín no Ferrol Vello. O Ferrol Vello... que non era outra cousa que unha vila mariñeira semellante ás da ría.” Sobre a tona aboian aquelas outras de compromiso co seu país:  “Eu asistín á reunión en Pontevedra en decembro do ano 1931 na que se constituíu o Partido Galeguista, único partido ao que pertencín en toda a miña vida.”

Alén do ano que principia, racharemos con anos de forzado silencio. E unha sinfonía de voces proxectará á sociedade galega o poeta, narrador, ensaísta, xornalista, académico, político e docente.  

Porque Carvalho, se nunca debeu ser visto como un problema, agora é  unha oportunidade da que tirarmos proveito. 

Érgome e, de esguello, ollo, alén da Arnela, a chiscadela  de vagalumes en Foz.  O mar bate na barra e anuncia nordesía. Camiño cara as doce badaladas.

Arredor dun café

Te puede interesar