sábado 24.08.2019

Uns orzamentos para que Narón avance

Opasado 27 de decembro, o pleno do Concello de Narón aprobaba, con 15 votos a favor, catro abstencións e un só voto en contra os Orzamentos de 2019, os máis altos da historia da que é a oitava cidade galega: 32,9 millóns de euros.
A conta para este ano, como xa dixemos durante a súa presentación, é o resultado da política económica que o BNG vén desenvolvendo desde finais de 2011 e que se basea nalgúns aspectos fundamentais. O primeiro, que despois de moito tempo, o Concello amortiza a débeda bancaria, que no momento en que o Bloque Nacionalista Galego accedeu ao cogoberno de Narón ascendía a 12 millóns de euros, isto é, o 40% dos recursos anuais da cidade. Segundo, que nun momento crítico para a veciñanza de Narón, como o foi tamén para a cidadanía galega, o BNG foi quen de sanear as contas municipais sen que iso supuxera nin unha maior carga fiscal para o conxunto das naronesas e naroneses e sen que, polo tanto, se viran afectados os servizos básicos. 
Hai que subliñar que nestes sete anos non se aumentaron os impostos nin as taxas municipais. Os eventuais incrementos nos recibos do IBI tiñan a súa explicación na revisión dos valores catastrais que o Concello aprobara en 2008 durante a década posterior a razón dun 10% anual. Naquel momento, a competencia do Concello, que se limita a variar o coeficiente, estaba nun 0,67 (a cifra pola que se multiplica polo valor catastral do inmoble para obter a cuota que cada ben paga en cada recibo), mais a decisión do Goberno de Rajoy de obrigar aos Concellos a subir os coeficientes unilateralmente levou a que, nesa etapa de suba do 10%, houbera tamén que elevar o coeficiente ao 0,70. Desde entón, rematada as condicións impostas polo Goberno central, a política do BNG consistiu en ir reducino ese coefiente até o 0,62 actual, ademais de negociar co Catastro unha redución liñal do 8% nos valores catastrais. O resultado, unha rebaixa do 12% nos recibos da Contribución ao longo do último lustro. 
Paralelamente, fomos capaces de manter ou reducir o restos dos impostos e taxas municipais. Neste ano, ademais da equiparación dos bens de natureza rústica cos de urbana no 0,62, temos aprobado a través das ordenanzas fiscais, importantes medidas que pretenden contribuír a dinamizar a economía do Concello: bonificacións para as familias en determinados impostos (abastecemento, saneamento, recollida de lixo…), bonificacións no IAE, IBI ou ICIO para as pequenas e medianas empresas que creen emprego ou realicen investimentos; e a máxima bonificación que permite a lei para a realización de investimentos que melloren a accesibilidade en vivendas e edificios. 


En terceiro lugar, a amortización da débeda bancaria permítenos, ademais, destinar recursos a outras partidas que consideramos prioritarias: podemos facer fronte aos 850.000 euros que aportamos este ano á construción do novo centro de saúde; aumentamos en 400.000 euros a atención á dependencia (2,1 millóns, o dobre que en 2017) e subimos o capítulo de investimentos máis dun 5%,, que a diferenza do que acontecía na época de vacas gordas, acometeranse maioritariamente con fondos propios. Aquí podemos encadrar, grazas á colaboración coa Deputación e co Concello de Ferrol na xestIón dos fondos europeos (EDUSI), obras de saneamento e eficiencia enerxética, a construción dun campo de herba artificial en Río Seco ou a rehabilitación, anceiada desde hai unha década, dun dos máis grandes expoñentes do patrimonio da comarca: o Muíño de Xuvia. 

Estes orzamentos demostran, en definitiva, que o traballo do BNG nas institucións permite mellorar a vida da veciñanza. Temos exemplos noutros puntos do país e, sentadas as bases cunha política económica seria, rigorosa e, por riba de todo, social, estamos en disposición de dar un salto cualitativo. A experiencia así nolo di.

Uns orzamentos para que Narón avance
Comentarios