Un parrulo robot

Para tratar do caso, reparemos na importancia da colocación do suxeito no título. De inverter a súa colocación, e falar así dun robot parrulo, resultando o último polo tanto adxectivo cualificativo, estariamos a considerar un ser mecánico que se deixa enganar con facilidade, e dicir que fai o parvo a respecto da súa expectativa; e, sendo así, un enredo sen máis transcendencia. Porén, o asunto do parrulo robot, asumindo que o xénero masculino atribuído polo dicionario oficial é impropio por tratarse dun ente asexuado, é expresión do substantivo que define aos “aparellos electrónicos con capacidade para substituír ás persoas na execución dalgún traballo, particularmente manual, xa que pode executar operacións e realizar diversos movementos”. 

Porén o enunciado que figura no léxico académico, polo que respecta á substitución exclusivamente de persoas, vai ser necesario dunha posta ao día á vista do feito anunciado con toda a solemnidade dos achados tecnolóxicos, chegados á mellora da humanidade dende a creatividade de inventores que enchen os laboratorios de investigación no oriente máis afastado; neste caso, do centro de novos produtos dunha moi coñecida multinacional xaponesa que presentou con ampla repercusión nos medios da prensa mundial un parrulo robot; e dicir a versión androide desa “ave da familia dos anátidos da que existen diversas especies, mariña ou de auga doce, nadadora ou mergulladora, que se somerxe total ou parcialmente para conseguir o alimento, que presenta cores moi variadas que adoitan ser máis vistosas nos machos e xeralmente apencadas nas femias”.  Cita dun vocabulario, á vista está, que tamén precisa dunha actualización se o tal parrulo mecánico pasa finalmente ao catálogo desta especie.

Alén da retranca que merece esta historia, xustamente cando estamos a celebrar o Día da Saúde Mental, nesta ocasión centrado na urxencia de adoptar medidas educativas e sociais para prever e afrontar o grave problema dos suicidios, especialmente no ámbito xuvenil, a pretensión de mudar o papel tradicional dos parrulos na limpeza dos arrozais, obxectivo declarado polos promotores do devandito aparello como causa da súa xénese, á hora de arrincar as herbas malas, comer o bichos que fan dano ao crecemento da planta ou para colaborar na fertilización das colleitas; é, pola parte negativa que toda nova intervención leva consigo, unha moi forte tentación en contra da diversidade biolóxica que existe na propia natureza. Tamén unha perigosa deriva tecnolóxica con riscos colaterais que a civilización humana debería repensar.

Un parrulo robot

Te puede interesar