Rúas murchas

Adoitamos escoitar que unha planta ou unha flor, entre outros elementos vexetais, está murcha; e dicir que secou, que perdeu a súa frescura con certeza por causa dos extremos climáticos. Aínda así, o adxectivo murcha ou murcho é vocábulo que ten outra acepción coa que se conceptúa  á persoa ou cousa que perdeu enerxía, o vigor, o bo aspecto. Daquela, diante da grave creba que está a soportar o comercio local ben poderíamos utilizar o concepto de rúas murchas para establecer unha potente metáfora dunha situación que é demostración do resultado da falta de políticas axeitada para evitar a desertización dos nosos espazos de convivencia social, as prazas, avenidas, rueiros ou estradas das vilas e cidades do país; esas que fican fóra do foco de interese das grandes marcas comerciais de alimentación, vestido, telefonía e outras redes de tendas en franquía de moda pero que son fundamentais para asegurar un tecido urbano harmónico. 

Os datos estatísticos, sumados aos informes de boa tinta das combativas entidades e asociacións profesionais do traballo autónomo ou das pequenas e medianas empresas, colocan ao territorio galego á fronte do liderado en número de establecemento que pecharon nos últimos catro anos, sumando cifras arrepiantes que superan moito máis dos cincuenta mil casos, coa lóxica consecuencia engadida da perda de postos de traballo sen que teñan alternativa, alén da emigración forzosa fóra do noso ámbito xeográfico, visto o deserto industrial no que se está a converter o noso país. Máis aínda, o envellecemento dos superviventes do sector cunha taxa de titulares de negocio que apenas representa a cuarta parte deles os menores de corenta anos, a perspectiva futura apunta a un proceso máis acelera só polo fenómeno das baixas vexetativas. 

Lembremos que unha manchea de traballadores autónomos forman a lexión dos titulares de bares, cafetaría, tabernas nos que Galiza é unha potencia mundial; e tamén doutros servizos que representan unha dedicación que non baixa da dez horas días en practicamente tódolos días do anos para acadar niveis mínimos de resistencia económica, fronte a demandas tributarias, taxas e cotizacións cos que logo só se atenden pensións por xubilación de entra as máis baixas contías e saben que chegar a percibir unha prestación por desemprego é logro da categoría dos milagres.

Sen poñer cancelas á modernización do comercio, é hora dun pacto estratéxico que busque solucións urxentes par evitar a irreversibilidade das rúas murchas. 

Rúas murchas

Te puede interesar