Relevancia das palabras

Signo dos tempos actuais nos que se precisa proxectar socialmente veteranas institucións que tradicionalmente desenvolveron o seu labor a porta pechada, chéganos esa pugna anual que promove un concurso público para escoller a chamada palabra do ano. Unha práctica que veñen desenvolvendo as academias lingüísticas en moitos lugares, próximo ou máis afastados; e, loxicamente, tamén a nosa Real Academia Galega que, en parcería coa Fundación Barrié, oferta a web de divulgación do léxico galego nomeada Portal das Palabras.
O enredo que se sustancia nunha votación aberta á comunidade de usuarios da Rede de Internet, ao tempo de proxectar imaxe dunha entidade aberta ao campo das novas tecnoloxías da información e da comunicación, amosa tamén a importancia de testar o valor social que se agocha detrás dunha palabra, pola súa popularidade que é resultado do nivel de uso cotiá perante un período de tempo que para este caso é o do ano que vai rematando xa. O longo proceso de escolla, a partir de milleiros de propostas que logo se peneiran para deixar no gran dun pequeno grupo de competidoras, é tamén útil á hora de ver que novos vocábulos deben ser considerados polos académicos para ser asumidos, dende o uso popular á entrada no dicionario. 
Por iso, entre as seis palabras finalistas deste actual concurso en marcha, aínda non se ten incluído a expresión “deseucaliptización” que é ben indicativa dunha reivindicación, notoriamente amparada nos ámbitos de defensa do medio ambiente natural e dos usos racionais do monte galego á hora de frear o grave risco dos incendios forestais.  En todo caso, con esta expresión ou sinónimo alternativo substitutivo a súa significación social amosa a existencia dun problema que precisa de políticas diferentes ás que veñen posibilitando o efecto contrario, a extensión incontrolada desta masa arbórea, unha práctica impulsada pola industria do sector que ademais busca novos solos para desviar o resultado da prohibición acordada polos veciños portugueses. 
Por outra banda, para alén da inclusión de verbas que responden ao momento político ou do contaxio televisivo, o foco está posto sobre o feminismo e a “sororidade” que vén a ser un pacto entre mulleres para diminuír a fenda entre a súa posición social e a dos homes. Pacto estratéxico de xénero, alianza entre mulleres ou “dimensión ética, política e práctica do feminismo contemporáneo” é símbolo da revolución que se manifestou o pasado oito de marzo.

Relevancia das palabras

Te puede interesar