miércoles 12/8/20

O futuro indicativo

Entre os efectos do confinamento obrigado pola pandemia sanitaria do virus contaxioso que padece o mundo de hoxe en día, unha reflexión percorre teimosamente artigos de opinión xornalística e parladoiros de confronto verbal pactados en medios audiovisuais: A conxugación do tempo verbal de futuro indicativo a respecto da evolución económica e social da humanidade após este proceso de choque colectivo, traumático polo impacto da situación inesperada aínda que notoriamente previsíbel e mesmo buscada coas irracionais políticas de agresión á natureza. Vaticíneo dun futuro complexo que con certeza tornará en futuro simple pola inercia das persoas en retomar rutinas ancoradas na forma se comportar, esquecendo con rapidez os aspectos do mal soportado; e, peor aínda, das causas que levaron a esa situación. Fraxilidade, tamén, para someterse ao proveito interesado dos poderosos construído nos estados de opinión creados e conducidos para provocar unha resposta disciplinada e consumista dunha cidadanía súbdita.

Por iso, é de temer que após a pandemia, sexa cando for o seu remate real, o mundo non só seguirá igual senón que probabelmente sexa un pouco peor. Aquela ilusión óptica nacida dos aplausos aos profesionais sanitarios e doutras ocupacións que resultaron vitais no proceso da corentena, simbolizadas na ilusión de  “imos saír mellores de todo isto”  orientada a esperanza da recuperación de servizos públicos universais, dereitos colectivos antes furtados, o control dunha industria  propia e próxima non dependente para produtos estratéxicos ou unha mellor distribución da renda, incluída a básica para todo o mundo, non vai tardar ficar nos propósitos de aninovo.

Certo é que, a diferenza da pasada crise financeira, nesta ocasión non pode inocularse a culpa de “contaminarnos por riba das nosas posibilidades”  e, daquela, o ritual dos aplausos ás oito da tarde son tamén para toda a sociedade pola súa interacción, solidariedade e dimensión altruísta ao descubrir na catástrofe aspectos de grandeza individual antes ignorados, consagrando o principio da evolución das especies: O que non nos mata, fainos máis fortes. 

Un sacrificio individual por causa superior de carácter  comunitaria que vai soportar proba de resistencia nos tempos que veñen por diante. Forzar a implantación de políticas de igualdade e melloras do benestar común e dos servizos públicos, potenciando o poder das forzas e organizacións políticas que apostan por unha sociedade máis solidaria; ou sucumbir á estratexia egoísta e autoritaria, foco dunha subversión, amplificada nos medios, en contra da vitoria dun pobo solidario.

Comentarios