viernes 13.12.2019

Lúa de verme

Chegou a primavera no seu aspecto formal xa que sabemos que “até o corenta de maio”

Chegou a primavera no seu aspecto formal xa que sabemos que “até o corenta de maio” a cousa real poda que non responda ao tempo meteorolóxico esixíbel. Retranca aparte, é momento astronómico do primeiro dos equinoccios do ano, un dos instantes periódicos nos que o Sol está exactamente sobre o ecuador celeste, intre que se corresponde coas datas nas que o día e a noite teñen igual duración. O seu antagónico é o solsticio, de verán e inverno, xustamente cando o astro celeste deixa de apartarse do ecuador e comeza de novo a aproximarse. Para as poboacións da Terra sempre representaron instantes nos que aos fenómenos naturais lles foi outorgada unha simboloxía máxica, incluída nun código interpretativo de fenómenos astrolóxicos asociados. Velaí o caso da “lúa de verme” de visita por estes pagos. 
Lúa chea que pasou nunha das máximas aproximacións ao planeta que habitamos, casualidade regular máis non habitual xa que unha combinación así tardará outros once anos en producirse, pola que amosa unha imaxe de máis luminosidade co efecto óptico de grandeza que por coincidir coa da entrada da primavera fai que no ámbito do mundo xornalístico se substitúa a súa denominación de “lúa de marzo” por unha referencia tirada do xeito antropolóxico en que foi considerada polas comunidades primitivas deste hemisferio. Ao tratarse da entrada dun período de tempo soleado que produce una desconxelación do solo propicia que estes bichiños, os vermes, deixen o acougo do seu refuxio invernal na entraña da terra e boten fóra á procura da calor. Daquela, “lúa de verme” que tamén podería ser, na nomenclatura das tribos indíxenas americanas, “lúa de corvo” pola sinfonía que estes paxaros ofrecen á chegada da estación das flores. Sexa como for, na linguaxe das xentes do mundo rural, sempre existiu unha actitude de respecto inquebrantábel pola Terra no seu estado natural. 
Por iso, as manifestacións lunares extraordinarias foron obxecto de temor e interpretación. Nada a ver co espectáculo de agora, sabendo do seu segredo científico e da periodicidade do seu comportamento. Porén, habelas hainas, e boa nota deberiamos tomar en materia do medio ambiente natural, no só pola advertencia que o mesmo día deixou do Ciclón Idai, asolagando as terras de Mozambique, senón por algo que no Día Internacional dos Bosques reivindicou o ecoloxismo galego: Urxe erradicar as “pirófitas” arbores invasoras, eucaliptos e acacias. Fagamos caso ás mensaxes da natureza. 

Lúa de verme
Comentarios