Iconografía da devastación

As xentes que viven no Xapón saben ben que a devastación da natureza, moitas das veces, é un fenómeno que vén en dose dobre. Para mostra, a situación vivida nos últimos días coa imaxe da destrución ocasionada por un dos moitos terremotos que asolan estas illas de avanzada tecnoloxía, e certamente boa previsión e organización para facer fronte ao infortunio da terra, cando aínda non saía do estrago provocado polo tifón Xebi que non fixo honra ao seu significado lingüístico galego; e dicir, á mansa e amigábel “anduriña”. Fenómenos que forman parte cotiá da vida nipona, e dos territorios próximos naquel curruncho oriental, porén agora cunha forza moi superior a súa manifestación media; e mensaxe de alerta fronte ao efecto do cambio climático. 
Tifón e terremoto que, sumados ás riadas que nos últimos meses anegaron os campos, aldeas e cidades destas illas de Xapón, deixaron centenas de mortes e moita destrución e, tamén con certeza absoluta, memoria de medo e temor na poboación. Horror que fica na retina das fotos, das imaxes vividas e da ollada que a cidadanía lembrará por moito tempo aínda, ata que outras veñan a superar en máis este recordo de traxedia humana e medio ambiental.  Das edificacións e casas destruídas que mesmo deixaron atrapadas persoas nunha supervivencia incerta; de ondas xigantescas que superaron barreiras e diques nos peiraos para rematar derrubando medios de vida e facenda da xente do común. Do vendaval de ventos que guindaron con tellados, árbores, postes de todo tipo e mesmo bloques enteiros de vivendas. De todo o visto e do pánico inducido. 
Por iso, é comprensíbel a tradición artística xaponesas que está na xénese dunha iconografía que, para alén de nacer na imaxinación dos artistas, está fundada no temor aos fenómenos da natureza e do feito de intuír que, en calquera momento, un ser horríbel podería emerxer das augas e devorar a toda a civilización. Velaí a exposición sobre as criaturas que deron orixe ao imaxinario sobrenatural no país do sol nacente, nunha casual e fortuíta coincidencia nestes días de catástrofe medio ambiental, que pode ollarse actualmente na madrileña Academia de Belas Artes. Manifestación cultural que suma máis dun cuarto de milenio e que trata dos “iokai”, os monstros dos horrores pintados en telas ou libros ilustrados que chegan ata hoxe en día da man do manga e do cine de anime. 

Iconografía da devastación

Te puede interesar