viernes 7/8/20

A estratexia da cenoria e o pau

Na traxectoria que están a seguir os diferentes gobernos da contorna xeográfica que nos afecta, evidénciase a estratexia da cenoria e o pau no tocante á toma e comunicación de acordos, máis aínda no fondo deles; unha maneira de actuar coa que semella tratarse á cidadanía co mesmo xeito da tradicional imaxe que asociamos ao manexo dun burro que é activado para moverse cun pau no entanto se lle amosa a cenoria que prende na fronte del. Curioso é saber que este proceder é un modelo académico das clásicas teorías da motivación ás que, moito máis modernas, debe sumarse a da motivación de expectativas, a de reforzo ou pola fixación de metas.

Táctica, á da cenoria e o pau, que se utiliza para ir alongando o tempo de confinamento pola pandemia do Covid-19, cousa probablemente sabida como necesaria cando estoupou a epidemia, porén que vai decidíndose como se fose unha entrega de fascículos ou diferentes capítulos dunha serie televisiva. Detrás dela, con certeza absoluta, haberá consellos expertos que apuntan á creación de falsa esperanza entre a xente afectada, crendo inxenuamente na bondade dunha situación que realmente é moito máis grave dos trucados datos cos que se fai estatística pública.

Pau que é moito máis cruel na falta de medidas para protexer ás persoas en situación máis débil fronte ao devastador efecto económico, laboral e social. Velaí o dato, na súa radiografía detallada, do resultado no desemprego que se evidenciou coa obrigada parálise da actividade, marcada polos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego; e, inxusta e atrozmente cebados coa inmensa cantidade de contratos temporais finalizados, sen cobertura algunha por desemprego.

Nisto é determinante iso que se chama modelo produtivo, que no caso galego ou no estatal, defínese con estas catro palabras: Non existe modelo algún. Para quen defenda o contrario, cousa fácil de rebater, na realidade, producir, o que se di producir, prodúcese máis ben pouco. O autóctono son máis os servizos, o turismo e a construción, sectores que apontoan un mercado de traballo tan dual e precario que se esborralla co primeiro temporal de outono. Precisamos, por tanto, edificar o solar completo e non limitar o traballo a reconstruír e tapar as gretas. Levamos décadas necesitados en saír deste condenado labirinto, cada vez máis ensarillado pola desidia dos poderes políticos e a tendencia ao negocio especulativo do empresariado. Mágoa diso. 

Comentarios