miércoles 12/8/20

Eloxio da sanidade pública

Nas situacións difíciles, en tempo de emerxencia sanitaria, é cando se comproba a utilidade das cousas. Isto é agora claramente verificábel cando vemos que diante da epidemia dese malvado virus, Covid-19, errante polo mundo adiante á caza de novos contaxios entre humanos, é a sanidade pública o alicerce que lle da resposta e protección á necesidade da xente. Nesta situación de pandemia declarada, por evidente, de nada valen as mutuas laborais sanitarias nin outros negocios mercantís que comen da saúde das e dos cidadáns. Cando as cousas se poñen moi serias, neste grao de urxencia hospitalaria, a solución sempre está no recurso en acudir á sanidade pública para ser atendidos con eficiencia. Nin as epidemias nin as enfermidades graves teñen alternativa nas opción privada. A existencia dun bo servizo que no caso galego é misión do Servizo Galego de Saúde, SERGAS, é a única solución. 

Coa extensión da doenza, vistos os niveis de propagación alcanzados noutros territorios, cabe en boa lóxica a preocupación por saber se o sistema sanitario galego poderá enfrontarse a un reto tan complicado como é o presente, e máis aínda o que está por vir, tanto por non ter capacidade e perspectiva para avaliar se as medidas de control e prevención adoptadas ata o momento foron as máis axeitadas ou se vai ser posíbel atender con éxito a escalada da enfermidade nos vindeiros días e nas próximas semanas. Porén, o valor real da sanidade universal da que gozamos, esperanza de pronta fin para este pesadelo, está nos seus profesionais, malia estratexia de recortes irresponsábel ao que foi sometida, por decisión política, que agora vai resultar moi cara. 

Para sermos conscientes do valor deste modelo sanitario, neste momentos de pandemia planetaria global, cabe preguntarse que pasará nos Estados Unidos de xeneralizarse, como é de temer, a epidemia que ten foco posto nos países europeos, unha vez reconducida nos asiáticos que comparten o mesmo modelo público. O caso americano, unha federación territorial cun forte desenvolvemento en coñecemento sanitario pero sen a existencia dunha sanidade pública, onde a prestación sanitaria debe pagarse, con moitos millóns de persoas, os máis fráxiles, sen dereito a ningunha cobertura sanitaria; a consecuencia que isto pode representar e dificilmente imaxinable. 

Por iso, é nestes días cando se manifesta con máis claridade o valor do traballo dos profesionais da sanidade pública e dun sistema universal merecedor de gabanza.

Comentarios