Efecto espectador

A conmemoración do Día Mundial da Filosofía que a UNESCO acordou celebrar cada terceiro xoves do mes de Novembro, con só tres quinquenios de historia acumulada, é boa ocasión para lembrar que estas celebracións son sinónimo de graves carencias persoais ou sociais; e por iso,  entre os obxectivos que procuran está promover a investigación e o análise filosófico sobre os grandes problemas da humanidade para poder responder mellor aos desafíos do mundo actual. Tamén, moi especialmente, para concienciar á opinión pública sobre a importancia desta materia de pensamento e a súa utilización para tomar as decisión máis relevantes, subliñando a importancia da ensinanza filosófica para a mocidade actual e as xeracións futuras; propósito que precisa dunha sentida renovación do compromiso político local e internacional en favor desta ciencia social, por veces mesmo ameazada de ser descabalgada do ensino secundario regulado. 

Na ollada da temática que o ámbito das Nacións Unidas fixou neste ano, para resaltar a importancia da filosofía, está a énfase no proveito que supón promocionar consensos de ámbito continental estimulando á colaboración mundial para atopar solucións aos desafíos deste tempo marcado pola pandemia sanitaria do contaxio vírico global, as migracións, a crispación nos discursos, as mudanzas e cambios do medio ambiente ou a intelixencia artificial na súa deriva. 

En definitiva, recuperar a tendencia natural do seres humanos a sentirse asombrados por eles mesmos e polo mundo que os arrodea. Pór en valor a reflexión teimosa, a cuestionar verdades outorgadas, a verificar hipóteses e construír conceptos, ideas, análise e conclusións no camiño do pensamento crítico, independente e creativo. Todo o contrario do estado de apampados que forxan as dependencia ao pensamento único impulsado polos grandes instrumentos de comunicación e os estados tóxicos que se configuran na interacción das redes de internet. 

Evitar o pernicioso “efecto espectador” que recorda a indiferenza e total pasividade de decenas persoas que sendo testemuñas directa dun apuñalamento non só non facilitaron axuda á vítima, senón que nin tiveron a ben chamar á policía, agás un último caso que non foi quen de impedir a morte desta vítima. Esta incomprensible actitude é, polo tanto, a demostración do feito no que se dilúe a responsabilidade individual, cando están presentes máis persoas, nunha pasividade grupal que nace dun fatal razoamento: Se os demais non axudan, eu tampouco. E así, todos. 

Efecto transportábel á actualidade na que é fundamental exercer a responsabilidade colectiva.

Efecto espectador

Te puede interesar