viernes 7/8/20

A economía da felicidade

Con isto da pandemia sanitaria, entidades sociais e institucións académicas están a promover parladoiros de reflexión sobre a necesidade de mudar o rumbo da estratexia e das políticas que conducen o futuro planetario de cara un escenario incerto, porén nada ou pouco agradábel para o supervivencia aceptábel dos seres humanos. Momento atinado para poñer foco no sistema da chamada “economía da felicidade”, ata o presente limitada ao estudo teórico e cuantitativo deste estado anímico, do afecto, do benestar, da calidade de vida, da satisfacción persoal e outros conceptos similares en relación coa economía, coa psicoloxía, coa saúde e tamén coa socioloxía.Técnicas numéricas para avaliar, na súa cantidade, o grao de satisfacción da xente no canto dos indicadores de ingresos e beneficio empresarial. Metodoloxía de diálogo coas persoas para coñecer índices de felicidade e outros conceptos relacionados. Economía alternativa.

Por iso, é útil atender á observación que nos chega desde unha prestixiosa organización internacional, Futuro Local, indicando que á vista do sucedido coa pandemia sanitaria, aínda campante polo mundo adiante, “necesitamos desesperadamente que a xente se fixe no sistema económico global e no seu impacto para o medio ambiente ou na xente.  Practicamente ninguén está a estudar o impacto deste sistema. No lugar diso, os gobernos parecen seguir cegamente a idea de que canto máis comercio global, mellor será para o sistema; ou canta máis tecnoloxía, máis riqueza e máis emprego”.  Cousa ben discutíbel porque “precisamos ver que a procura cega de máis comercio global e o maior uso da tecnoloxía son responsables de enormes problemas de contaminación e de destrución da diversidade biolóxica, a saúde humana e o benestar”.

Con diñeiro non se pode mercar felicidade, abofé que non. Outras cousas son tan ou máis importantes para o noso benestar físico e mental: o ámbito familiar, as relacións sociais, o traballo estábel e gratificante que permita conciliar vidas, a saúde persoal, a liberdade individual e valores compartidos. Detalles fundamentais para deseñar as políticas públicas na educación, na sanidade e na loita en contra do desemprego e a pobreza, columnas vertebrais dun sistema pensado para as persoas. Daquela, o confinamento mostrou que nos atopamos nunha encrucillada: globalización en base a unha tecnoloxía de crecemento para beneficio mercantil ou economía local a favor dun estilo de vida máis humano. A “happiness economy” propón optar polo natural para salvar á xente. Urxe promover unha alfabetización ecolóxica. 

Comentarios