Eco das tebras resistentes

Tebras é expresión que nos fala la ausencia de luz, da escuridade absoluta ou case total. Boa metáfora para botar a vista de cara atrás nun tempo en que comeza un novo proceso de campaña electoral que no ámbito do noso país ten foco posto na renovación das corporacións municipais, alén do importante repto que supón conquistar presenza galega na cámara europea. Unha ollada ao paso de corenta anos de concellos democráticos, dez diferentes períodos de mandatos de catro anos regulares cada un, que achega un patrimonio con moi pouca ou case que ningunha variación na arquitectura da división territorial na administración local, a máis próxima á cidadanía, coa sangrante permanencia do modelo das deputacións, nunha irracional e inxustificábel suma de niveis de xestión e división do aparello de organización e distribución dos recursos, sexan económicos, de capital humano ou de tipo mecánico e tecnolóxico que é claramente ineficiente. 

Patrón traspasado pola tradición francesa da “administrateur” que contrasta coa experiencia da nosa veciñanza portuguesa, na liña da filosofía do mundo saxón, coa que se dota dun poder de goberno máis grande; e, máis aínda polo que atinxe á prestación de servizos, de amplitude nas competencias que abranguen materias que aquí son exclusivas do ámbito provincial ou das comunidades autónomas. Consecuencia desa vocación de racionalidade na optimización dos recursos, os concellos son espazos territoriais extensos que, a súa vez, dotan de personalidade xurídica e de representación política aos ámbitos inferiores das freguesías. Portugal ten actualmente 308 concellos, incluídos os insulares das Azores e Madeira; pola contra, no territorio galego, catro veces máis pequeno, hoxe contamos con 313, unha vez executado o ambicioso plan de unificacións que xestionou o goberno da Xusta co que alcanzaron a espectacular fusión voluntaria en dous casos: Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade.  

Velaí a nula iniciativa a respecto de abordar unha comarcalización efectiva que teña en consideración as vantaxes do seu equivalente nos “condados”  e nos “concelhos” para eliminar de vez a interferencia provincial; base dun “cacicato” insaciábel que impide avanzar racionalmente. O país precisa eliminar o autoritarismo alimentado por esas tebras resistentes que ten a súa icona visual na imaxe dos venres negros, denuncia da manipulación nos medios de comunicación públicos. Unha cor que no plano reivindicativo adoptan para si as enfermeiras fartas da inxustiza que as discrimina profesionalmente, porque xustifican “ata aquí chegamos, non podemos máis”.

Eco das tebras resistentes

Te puede interesar