Demografía e vida laboral

ademografía como ciencia que estuda por medio de estatísticas os diferentes aspectos das colectividades humanas ten foco posto sobre o saldo negativo que amosa a diferenza entre máis mortes que nacementos; dito doutro xeito, axexa as causas que provocan unha moi baixa taxa de nacementos que se atopa a moita distancia do índice biolóxico de supervivencia da especie. Velaí a Sondaxe de Fecundidade que vén de informar o Instituto de Estatística, INE, sinalando as causas que lastran a materialización dos desexos das mulleres dun máis grande número de fillos que non poden asumir por causa da situación económica que condicionan os recursos familiares, a imposibilidade de conciliar a vida persoal e laboral, a limitada duración dos permisos de maternidade e paternidade ou a falta dunha política de axudas á natalidade.
O devandito traballo estatístico, vinte anos máis tarde de realizar o último coñecido, racha coa opinión estendida en certos sectores que supoñen unha causa acomodaticia entre a xente máis nova. A sondade evidencia todo o contrario, fronte ao desexo e a disposición das mulleres a ter dous fillos, así manifestado en tres de cada catro casos, é no sistema de precariedade laboral, en fogares no que se precisa a actividade laboral de ámbolos dous membros para asegurar a renda necesaria para vivir; coa inseguridade fronte a contratos temporais e ás políticas de discriminación que provocan unha fenda salarial ou o efecto “teito de cristal” que bloquean as carreiras profesionais, por causa da maternidade, onde está o motivo lóxico e de razón que lles impide acadar o obxectivo familiar de reprodución cobizado.
Máis aínda, a extensión da precariedade laboral, cos seus baixos salarios, a temporalidade e a oferta constante de empregos a tempo parcial, impiden á xente moza emanciparse antes de cumprir os trinta anos, imposibilitando realizar o seu ciclo vital, incluído loxicamente a natalidade co efecto do alongamento na idade de nacemento do primeiro fillo e a redución do período de fertilidade. Asunto que non amosa cambio ou recuperación por máis que a propaganda oficial fale de mellora no ciclo económico e de emprego. Crúa evidencia da que nos fala o Índice Sintético de Desenrolo Xuvenil Comparado, elaborado polo Centro Raíña Sofía sobre Adolescencia e Xuventude da FAD, nun proxecto global de compilación, sistematización e obtención de datos na análise da realidade social da mocidade. Demografía e vida laboral, son vasos comunicantes.

Demografía e vida laboral

Te puede interesar