Daquel trollo vén este lodo

Procede comezar pola definición da palabra “trollo” que, no Dicionario da Real Academia Galega, ten tres diferentes significados: Mestura de auga, terra, pedras e outros obxectos que se forma nun lugar, por exemplo cando chove; como primeira opción. A segunda fai referencia ao “lugar onde se forma a lama” e, finalmente no terceiro lugar, é expresión do “terreo con moita auga que pode ser prado ou monte baixo”. Certamente, todos eles semellan unha metáfora a respecto diso que pode ser unha tentación de acordo ao xeito globo sonda que saíndo da Consellería do Mar da Xunta a través de Portos de Galicia propón levar os lodos procedentes do dragado do río Lérez, en Pontevedra, a un lugar situado entre as illas de Sálvora e Ons. Cousa pública que ten alporizado e mobilizado de forma preventiva, con causa máis que xusta polo efecto demoledor para o marisqueo e para acuicultura que isto produciría ao sector produtivo de executarse o temido plan, a todo o universo do mar abandeirado pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.  

Aquí cobra sentido o refraneiro español que, na súa adaptación ao noso idioma, afirma “daqueles pos veñen estas lamas”; dito na filosofía retranqueira galega: Chove sobre mollado. Certamente, o medo das xentes do mar ten toda a carga de profundidade dun vertedoiro mariño no que xa depositaron, cando menos, varios millóns de metros cúbicos de refugallos e lodos derivados do dragado do Porto de Vilagarcía na súa última ampliación. Sumar máis outros trescentos e pico miles é pór a Ría de Arousa fronte a un xogo de ruleta rusa na que, con moita probabilidade, partículas de materiais con elementos contaminantes e tóxicos van ser expandidos polos polígonos de produción marisqueira a causa das correntes de entrada dominantes nunha zona cunha enorme riqueza ambiental e cun ecosistema relacionado entre si onde calquera impacto pode ter consecuencia fatal. Non falemos do despropósito que supón escoller un punto practicamente enclavado no ámbito de beiramar de dúas das illas que configuran o Parque Natural das Illas Atlánticas, contravindo o mandado polo Convenio OSPAR sobre idoneidade dun lugar para o depósito de áridos e lodos. En definitiva, unha tolería intolerábel. 

Farían ben as autoridades do mar galego en asumir un dos exemplos que a RAG propón para saber do uso da palabra amentada: Ven máis pola beira, non te metas nese trollo. Sentidiño. 

Daquel trollo vén este lodo

Te puede interesar