O camiño de ferro portugués

No universo das peregrinacións a Compostela, o camiño portugués é unha das rutas que máis está a medrar no número de persoas que se achegan por ela, ben sexa pola variante interior clásica ou pola vía da costa máis longa, porén máis atractiva pola súa paisaxe e singularidade. Porén, no ámbito da vida cotiá, o tránsito de persoas ten unha eiva: Para alén dunha cativa oferta de servizo ferroviario e algún transporte público por estrada, a opción máis empregada é a do vehículo privado, de altos custos tanto para o medio ambiente como para o peculio da facenda persoal cos combustíbeis en prezos estratosféricos. Mágoa dun camiño de ferro moderno e veloz. 
Velaí a esperanzadora boa nova que nos chega por partida dobre, nos dous casos grazas á meritoria intervención da equipa xestora desa institucións de relacións fronteirizas de base local que é o Eixo Atlántico. Anúnciase, por unha banda, a petición dunha coñecida empresa de transporte no ámbito europeo, titular dunha das flotas de autobuses máis extensas no noso país, para operar a primeira liña de transporte ferroviario privado no ámbito comprendido entre as cidades de A Coruña e Porto, coa lóxica parada e conexión de todas as localidades relevantes nese corredor. Unha alternativa que completaría á cativa prestación que actualmente representa o chamado Tren Celta que une Vigo con Porto, nunha infraestrutura que amosa graves carencias.
Por iso, tamén suma a xestión do Eixo, comandada polo seu secretario xeral e pola vicepresidenta, alcaldesa en Matosinhos, que arrincaron do ministro portugués de Planeamento e Infraestruturas dous compromisos: Presión ao seu homólogo en Madrid, para acelerar o proxecto da conexión sur de Vigo; e, no emprego quinquenal de fondos comunitarios propios, abordar a adaptación da rede no ámbito territorial que posibilite a conexión co aeroporto Sa Carneiro e coa rede metropolitana de Braga. 
Aquí, entre nós, a urxencia pide á electrificación de pequenos tramos que están a dificultar, atrancando de raíz pola limitación no uso das locomotoras máis rápidas, os tempos no desprazamento para facer máis útil este medio. Dous espazos de apenas oito quilómetros cada un que non representan para ADIF un investimento superior aos cinco millóns de euros. Mais, o desprezo dos variados gobernos centrais, nesta e noutras materias semellantes, son tan ofensivos que non é de estrañar o afastamento galego do Corredor Atlántico ferroviario. Aldraxe intolerábel. 

 

 

O camiño de ferro portugués

Te puede interesar