Jueves 21.03.2019

As horas roubadas

Roubar é coller unha cousa que lle pertence a outra persoa mediante engano ou violencia. Isto é o que vén definido no Dicionario da RAG no que tamén hai outra opción para esta palabra: Apropiarse de algo, non material, que pertence a outra persoa ou que, en xustiza, lle corresponde. Aquí está a mellor catalogación do verdadeiro delito social que representa a estendida práctica da prolongación irregular do horario laboral, forzada pola existencia dun modelo de relacións no traballo que facilita este abuso moitas veces coñecido, amparado e consentido pola autoridade de inspección administrativa que mira de esguello diante dunha evidencia visíbel a luz do día coa que se furta un tempo fundamental á hora de facer real o necesario equilibrio de conciliación das vidas persoais, familiares e laborais. Controlar os horarios é medida imprescindíbel.

Certo é que neste panorama derivado da permisividade e da contrarreforma laboral de pasados gobernos amósanse diferentes escenarios. Dende a sofisticada enxeñería da gran empresa que forza sutilmente ao seu cadro de persoal á realización de fraudulentas horas extraordinarias orientadas a unha futura retribución variábel afectada polo resultado acadado na xestión; de xeito que de lograr este, cóbrase; caso contrario, non e para que ese obxectivo sexa posíbel fíxanse metas imposíbeis de acadar no horario normal de xeito que, nunha espiral sen fin, é inevitábel a prolongación do horario para cumprir o rendemento que producirá a compensación económica. Noutros casos, fórzase sen máis nun principio de “se queres traballar aquí, tes que facelo así” ou no mellor dos casos retribuír nun sobre opaco. Obvio é que na casuística existen moitas outras circunstancia dun longo catálogo de xeitos de ataque ao dereito colectivo a dispor dun emprego que, vía horas extras ilegais, reduce a súa oferta ao tempo de furtar a súa tributación á facenda pública ou defraudando a cotización correspondente ao peto das pensións solidarias. 

Co Real Decreto-lei 8/2019, de 8 de marzo, de “medidas urxentes de protección social e de loita contra a precariedade na xornada de traballo” ábrese unha fiestra a implantación do rexistro da xornada de traballo, iso si pendente negociacións colectivas que concreten sistemas e procesos. É un pequeno paso á hora de interpretar vellas normas legais polas que nas superiores instancias xudiciais se impediu que isto xa se teña feito. Porén, precísase da presión social para evitar que continúen a furtarse horas de vida.

As horas roubadas
Comentarios