O arranxo do Capitolio

Sabemos que o vocábulo arranxar, entre outros significados, expresa a disposición da forma adecuada para ter bo aspecto, facendo que funcione unha cousa estragada. Intuímos, tamén, que o Capitolio de Washington con douscentos anos de antigüidade vai precisando dunha man de posta ao día. Cóntannos que, nesa conxunción, veremos exportado o ben máis recorrente que os galegos aportamos ao mundo: experta man de obra emigrante, formada aquí, para labrar pedras que son historia. Neste caso, destacados canteiros da Escola de Poio que teñen por misión limpar, restaurar e dar esplendor á cámara democrática norteamericana.
Este popular edificio, o Capitolio dos Estados Unidos, é residencia federal do Congreso e do Senado, órganos de representación popular que ocupan as beiras esquerda e dereita da casona nun aproveitamento do espazo que ben puidera tomarse en medida á hora de organizar o modelo existente nas rúas madrileñas. Certo é que o Senado español non anda sobrado de razóns para continuar existindo na súa actual función, redundante; necesitado de reformulación a fondo. Na obra de mellora do edificio americano, á par dos mestres canteiros que van demostrar a capacidade artística aprendida no centro de ensinanza profesional da Deputación de Pontevedra, o paradoxo da casualidade inclúe a participación, como adxudicataria da obra, dunha empresa propiedade da diáspora galega orixinaria de Soutelo de Montes. Velaí, os herdeiros actuais do gremio que levantou a catedral de Santiago, conxurados na tarefa de restablecer o equilibrio e a beleza dun inmoble icónico; iso si, cargado de máxima tensión política no seu interior.
Os obreiros galegos co inevitábel ruído da súa maza non serán quen de impedir que se escoite o barullo que se está a producir co balbordo entre os representantes da cidadanía, enfrontados ás decisións da Presidencia, dispostos a iniciar o proceso de destitución que din “impeachment”. Si, as augas do río Potomac baixan revoltas. Daqueles pos veñen estas lamas, sentenza o refrán que vén a pelo para unha traxectoria, a de Donald Trump, incomprensíbel fóra do estado emocional coa decepción das clases medias e traballadoras á respecto da política tradicional. Proba, tamén, de que unha cousa é predicar e outra dar trigo. Agora, a cento cincuenta días escasos da toma de posesión a súa popularidade está en mínimos, e caendo. O asunto dará que falar, abofé que si; porque iso non van poder arranxalo os mestres canteiros galegos emigrados.   

O arranxo do Capitolio

Te puede interesar