A vida privada dos encoros

as novas que podemos ler, relacionadas co recibo da luz eléctrica, sempre traen noticias gravosas para usuarios e cidadanía. Mesmo dá que chova porque chove ou do contrario porque non chove; que faga vento ou deixe sen mover aos muíños que invaden os nosos montes e, tamén, que o carbón das centrais que aínda fan uso deste combustíbel para producir enerxía eléctrica sexa máis caro. Sempre haberá unha escusa para intentar xustificarse, tódalas veces fraudulenta no seu fondo, á hora de ver como sube e non deixa de incrementarse o custo do subministro da luz para particulares e para as empresas que teñen forte dependencia no seu custo operativo deste ben que, na meirande parte do caso que nos afecta, é froito dun elemento natural e gratuíto.
Véxase a situación dos encoros que marcan a paisaxe galega que por obra artificial semella un queixo deses que amosan o territorio suízo. Saltos de auga, a máis das veces pequenos que veñen de tempos inmemoriais, algún con máis dun cento de anos ás costas, moito antes de que o sector fose marcado a ferro pola existencia dun oligopolio que concentra, en apenas tres casos relevantes, todo o negocio do sector. Fican aínda pequenas explotacións que comparten dous terzos dos encoros de auga esparexidos polo país con empresas de certa potencia, nalgún caso con vencello a determinadas construtoras. Porén, en tódolos caos dáse un denominador común: Son aproveitamentos privados dun ben público.
Velaí o acerto de iniciarse o proceso de captación de adhesións para unha Iniciativa Lexislativa Popular que busca do Parlamento Galego un acordo que ten como obxectivo “reverter á xestión pública os saltos e aproveitamentos hidráulicos” que acumulan concesións e prórrogas para alén do lícito e razoable tempo de lucro, nalgún caso mesmo dende o século dezanove. A lóxica da xestión política debería situar estes “remansos de auga formados de xeito artificial, polo común pechando a boca dun val mediante unha presa, nos que se deposita parte do caudal dun río coa finalidade de ancorar reservas de auga para abastecer centrais de produción da enerxía eléctrica”, dentro dunha empresa pública ou mista para facilitar unha tarifa eléctrica galega coa que se mude a situación actual que amosa estarmos pagando máis da media estatal, e no seu lugar se teña a favor noso os costos ambientais soportados. Clamoroso.

A vida privada dos encoros

Te puede interesar