A morte tabú

A morte tabú, é para este caso un eufemismo da producida por suicidio. Aquí, a palabra tabú cobra preferencia pola súa variada significación, tanto como substantivo indicando aquilo que está prohibido pola relixión, como por extensión esa situación, obxecto e tema de conversación social que se adoita evitar por consideralo indecoroso, doloroso e mesmo ofensivo; máis aínda, como adxectivo reitera a condición de prohibición sacra e a práctica cotiá de non nomear o asunto por non permitir crítica. 

Deste xeito, tabú prevalece sobre o concepto estigma que tamén é ben acaído na súa acepción de marca á ferro de aquilo que mancha a honra ou a reputación de alguén. Porén, non estamos diante dun dilema de rótulo lingüístico para nomear algo senón que a súa incidencia na vida real das persoas é un verdadeiro problema de saúde mental, e mesmo un drama individual que debe cobrar sensibilidade social e actuación dos poderes públicos á hora de establecer plans de prevención e atención médica profesional para evitar no posible, e canto menos diminuír a taxa anual de mortes por esta causa que é resultado do máis grande número de casos de falecementos por causas non naturais, moi por diante da dos accidentes de tráfico que, con máis o menos éxito, son obxecto de potentes campañas e estudo e difusión publicitaria para evitar a súa extensión.

Certo é que, pola estigma social e a consideración tabú, no caso dos suicidios existe unha menor literatura que, sen embargo, vai parella ao nacemento da propia Socioloxía como ciencia autónoma, obxecto de interese para Emile Kurkheim, francés, considerado un dos tres máximos representantes entre os seus fundadores, xunto a Karl Marx e Max Weber, autor da obra “O suicido. Estudo de Socioloxía”, celebrando século e cuarto de historia co que afondou nas características das causas e modos nos que se produce esta decisión de morte buscada, catalogando a súa forma en catro diferentes modos: O suicidio egoísta, o altruísta, o anómico e o fatalista; vistos en relación ao vínculo social, as pautas de conducta imperantes no ámbito colectivo ou autoestima das persoas.

Aquí, soan as badaladas para a prevención do suicidio que cada ano organiza o Movemento Galego de Saúde Mental, no Día Internacional que a tal fin promove a OMS, como acto simbólico de toque de atención ás institucións sanitarias pedindo dedicar máis recursos á causa da vida.

A morte tabú

Te puede interesar