martes 22/9/20

A grúa de papel

as imaxes da brutal e tráxica explosión que tivo lugar no peirao de Beirut, causando a perda de centos de vida e outras miles con graves lesións ao que sumar os miles de millóns de danos materiais, con ese efecto óptico de nube a xeito de cogomelo que peta na retina da memoria histórica colectiva para nos trasladar  ao estoupido da bomba atómica de Hiroshima, xustamente cando se conmemora o setenta e cinco aniversario desta incualificábel atrocidade que provocando un verdadeiro xenocidio con preto a cen mil vítimas de vidas humanas alleas á acción militar, foi trucada no relato imposto pola potencia agresora para facelo aparecer como algo necesario á hora de vencer a resistencia dos exércitos do imperio nipón no canto de asumir á responsabilidade política, moral e mesmo penal de quen deu orde de botar este artefacto sobre poboación civil. Acción calculada que repetiron logo na cidade de Nagasaki, con resultado homicida similar. 
As leis físicas teñen explicación para esa imaxe de fungo que son coincidentes na explosión da bomba atómica e na do estoupido de nitrato de amonio que afectou á capital libanesa, co efecto denominado “nube de Wilson”, resultado do gas quente que se eleva moi rápido neste tipo de explosións e a súa colisión co aire fresco que está por riba que frea a expansión e crea esa coroa de cogomelo característica. 
Para as consecuencias gravosas que afectan á xente, non hai explicación que serva de exculpación. Na explosión dos pasados días está por ver que trastorno producirá na saúde da poboación, sabendo que a sal amónica do ácido nítrico circula pola humidade atmosférica e, pola experiencia estatística, causa afección no pulmón e no corazón.
Para a xente que sobreviviu á bomba de Hiroshima, a explosión non fixo máis que comezar a súa infernal pandemia de sufrimento e lesións incurábeis, incluídas malformacións nun interminábel calvario que furtou a esperanza de cura, simbolizado na lenda da nena, Sadako Sasaki, a quen os efectos da radiación da bomba produciu leucemia e, aferrándose á tradición ancestral que no seu país relaciona os animais con efectos máxicos, comezou unha incansábel elaboración de “grúas de origami”, agardando que ao chegar ás mil a súa doenza curase. Apenas foi quen de facer seis centenas, porén as súas amigas continuaron o labor para consolidar desta iniciativa un emblema pola paz, a prosperidade e o benestar.

Comentarios