Xa estamos en campaña

E os candidatos á cadeira presidencial das alcaldías engrasan as súas baterías co gallo de telas a punto no intre de ouviren o disparo de saída. Seguro que falarán do mesmo de sempre, das boas intencións, deses propósitos que entran dentro do guión pero a cidadanía xa comeza a estar cansa de ver a mesma representación cada catro anos o mesmo que acontecía nestas datas  con “Don Juan” en TVE, entón a mellor televisón de España, ano tras ano, substituído agora polo “Halloween” que nos abafa. Os aspirantes á gobernanza de vilas e cidades centran xa os seus propósitos en ofreceren actuacións que leven a melloras nos seus concellos, propósitos moitas veces coincidentes con formacións políticas adversarias que non prosperan porque existe unha incapacidade ostensible de diálogo que induce a non chegar a consensos e a acordos beneficiosos para a cidadanía, un problema existente en xeral e en Ferrol en particular, de aí que xa aceptemos coma cousa normal o enguedello político coma animal de compañía. Se houbese unha mínima intención de diálogo outro galo nos cantaría. Poñamos un exemplo : catro anos son poucos para darlle á cidade da ilustración, con importantes rasgos modernistas, un empurrón cara aos novos tempos, pero vemos que pasan catro e máis catro e outros catro  e  non só non se avanza senón que se nota certo retroceso, vexan o adoquinado nas rúas que se afunden e  moitos edificios danados polo inexorable paso do tempo abandoados a súa sorte. Din os propietarios que o palpáble desleixo se debe as esixentes normas que impón o plan de rehabilitación incluso no interiorismo. É evidente que non podemos condenar a cidadáns do século XX a vivir nas condicións do século XVIII. Algo haberá que facer comezando por revisar o Plan de Protección e Rehabilitación do conxunto histórico do barrio da Magdalena e poñerse a traballar. Que Ferrol ten posibilidades ninguén o dubida, así que se pretendemos que a xente elixa esta cidade para residir hai que ofrecer atractivos que animen a facelo: o contrario é seguir na senda do abandono e do éxodo constante, na fuxida permanente. Todos os candidatos están cheos de boas intencións, seguro, pero o primeira sería gobernar para toda a cidadanía e non para os partidos. E como se chega a iso? Sentándose a falar debatendo  e consensuando na procura de lineas converxentes de actuación pois, por se algúns ainda non se enteraron, niso consiste a política, abofé, nin máis nin menos. 

Xa estamos en campaña

Te puede interesar