Volta ao cole

Esta maldita pandemia estanos a facer a vida imposible como imposibles tamén semellan na práctica as medidas que se están implantando para tratar de controlala. Á preocupación do que chaman rebrote súmase agora, precisamente dentro del, a volta a clase dos nenos, que levan meses sen pisar o colexio. Hai nada os presidentes autonómicos pedían ter competencia para paliar o problema da pandemia e arestora están tratando de atopar consenso para ir todos a unha e a min isto paréceme unha falta de cultura federal, tanto que estamos a falar do federalismo, dese modelo territorial que noutros países funciona chegando a acordos en casos extremos. Pois nestes intres semella que se achegan ao consenso (non todas, eh) para ver de levar a volta aos colexios de xeito coordinado pero con medidas que así, a bote pronto, parecen cuestionables, como case todo. Por exemplo: as reunións non superarán as dez persoas, nalgunha autonomía, seis, pois ben os nenos tamén son persoas e establécense nas clases quince (cinco máis) e separados un metro entre cabeza e cabeza. ¿Como se pode facer iso?: dificilmente sen recursos necesarios e  os recursos son máis profesorado e máis aulas.  ¿Como chegamos a iso?: pois con diñeiro, con inversión e non con coellos sacados da chistera, contratando máis profesorado e buscando como sexa sitio. Diante destas medidas con visos de improvisación algúns pais non están dispostos a mandar aos seus fillos ao colexio, e un enténdeo perfectamente, entende que as clases deben ser presenciais, en contacto co profesorado, abrindo as escolas, pero se non hai seguridade poida que os riscos sexan máis que as vantaxes. E así non debe ser.

Por outra banda está o das mascarillas. ¿Como é posible que se pretenda que nenos e nenas con apenas seis anos estean coa mascarilla posta perante cinco horas e no seu tempo de descanso manteñan a distancia de seguridade interpersoal? Difícil paréceme, máis ben imposible. Pois nestas andamos a piques de que abran as portas dos colexios co número de contaxiados aumentando día a día ata situarse no máis duro deste pesadelo.

Houbo diñeiro do estado para as autonomías co gallo de paliar os efectos da pandemia e para educación. Hóuboos aínda que quizá non fosen suficientes. ¿Como se gastaron se é que se gastaron? ¿Podemos mandar con tranquilidade os nosos fillos ao colexio? A resposta está voando no vento como ben dicía o Dylan

Volta ao cole

Te puede interesar