Verán

Xa vai virado a metade do verán e parece mentira que o tempo fuxa desa maneira. Sen a penas decatármonos estaremos nun abrir e pechar de ollos na antesala do inverno outra vez e alá vai un ano máis. Non sei se a vostedes lles pasa, pero a sensación que eu teño é que o tempo transcorre máis rápido agora que cando eramos rapaces. Remataba o verán, íanse as vacacións e quedaba unha eternidade para que chegaran as seguintes, e agora o tempo vaise voando, sen darnos conta. Deixamos o calzón de baño para poñer o anorak e de súpeto xa estamos outra vez na praia nun plis-plas. O inexorable paso do tempo é unha evidencia contra a que é absurdo loitar; non o podemos parar por moito que nos queiran contar dos milagres das cremas rexeneradoras que non poden interferir nas pegadas que nos infrinxe. Pero meus amigos e amigas, non deixemos que conda o desánimo nin moito menos a depresión e poñamos ao “prozac” en standby na mesiña de noite porque estamos no verán, que é como dicir no lecer, no xúbilo, no tempo de troula, e a vivir que son dous días. No verán non hai lugar para as depresións: iso haberá que deixalo para os días grises, tristes e fríos do inverno onde os ións negativos, eses que tanto tiña estudado o doutor Xaime Quintanilla e que segundo el propiciaban a tendencia ao suicidio, flotan na atmosfera da nosa contorna e inducen a quitarse do medio á primeira de cambio. No verán, esas malas influenzas son varridas polo vento nordés, foxen cara ao mar e afúndense nel e vaian vostedes a saber se inflúen en que as baleas e delfíns tamén sexan proclives ao suicidio malia que os recortes de Rajoi non lles cheguen a afectar directamente, que entre estes animaliños tamén hai a tendencia a irse denantes de sufrir innecesariamente. Quen sabe. Pero deixémonos de cousas tristes que estamos no tempo no que a tristura non ten lugar. O verán non está feito para cousas coitadas.
Na miña vila remataron as festas do verán que tiveron á gastronomía como protagonista importante e ao polbo como produto de consumo típico, ademais da rexouba habitual coas verbenas e demais aditivos festivos. Non contentos con isto, está anunciada outra festa, esta do marisco, para os días 6 e 7 de agosto, así que a esmorga continúa. En realidade é Galicia enteira a que estoupa en festas nesta tempada programada para a desinhibición e a argallada que se contan por quilómetro cadrado. Non hai recuncho na nosa terra, parroquia por moi pequena que sexa que non celebre as súas festas de verán e non reciba eses días con banquete aos seus fillos que están fora. Polo verán a vila semella que renace das súas cinzas, vese máis afluencia pola rúa, as terrazas dos bares están repletas de xente aparentemente despreocupada; non temos goberno que goberne e o mesmo imos a unhas terceiras eleccións, pero iso non importa moito non, agora o que preocupa aos españois é atopar canto antes a ese moneco estúpido do xogo Pokemón Go a través do teléfono móbil sen reparar nos picachus da esquerda, que andan soltos cada un a súa bola, incapaces de poñerse de acordo no que é a esquerda. É o que ten o verán, que nos poñemos a xogar co que sexa deixando as preocupacións para outro momento máis propicio, que xa haberá tempo para arranxar o que se teña que arranxar. Namentres o tempo pasa e amañar, o que se di amañar, amañamos ben pouco.

Verán

Te puede interesar