Un rei campechano

on sei se nos damos conta do que nos enganan, dos mitos que nos colocan con tal de seguir inventando España. Cren que somos estúpidos  e como tal trátannos tendo a certeza de que repetíndonos falsidades ata a saciedade rematamos aceptándoas coma se fosen verídicas. É un sistema xa moi estudiado e aceptado coma método práctico de manipulación de masas.
Tivemos perante corenta anos un rei imposto por Franco facendo bo aquel dito de “deixalo todo atado e ben atado”. Quizá non todo, pero...
Na medida en que ía transcorrendo o tempo reinaba sen gobernar un rei “campechano”, e lle chamabamos “Juanca” coma se dun coleguiña se tratara. Dixéronos que chegara dende o exilio de Estoril  cunha man diante e outra detrás pero axiña colleu o temón e puxo rumbo a sacarlle partido á xefatura do Estado sen reparar moito nas formas.
A Monarquía é irresponsable no sentido estrito da palabra: “O Rei non é responsable, política, civil e penalmente, e a súa persoa é inviolable”. Isto doulle, sen lugar a dúbidas, unha envexable facilidade para facer da súa capa un saio. E así fíxoo. De chegar co xusto amañou unha fortuna mil millonaria sen ter que dar explicacións e sen  apenas despeitearse vivindo, como é preceptivo, coma un rei. Todos os seus desatinos foron coñecidos polos gobernos de quenda e polos seus vasallos que non deixaron de aplaudir, loar e se acaso envexar o seu comportamento. Xa que logo, afórrome o minutado.
Malia ser a monarquía, segundo o meu parecer, unha institución anacrónica, nos tempos que corren o rei debería ser exemplo de comportamento impoluto a pesar do difícil que é pedir a un ser humano conducta  inmaculada. Pero isto do comportamento exemplar para o rei  entra coma parte do seu salario  que, como quedou demostrado, a el non lle chegaba.
Algúns poderán dicir que parte das democracias consolidadas son Monarquías Parlamentares, vale, pero  outras tan robustas non, coma por exemplo Alemaña que no seu momento rexeitou a monarquía polo desastrosa que supuxo para o país e elixiu a República Federal. Pero “Spain is diferent” e preferimos seguir o modelo medieval baseado no dereito de “bragueta” e a aquiescencia dun ditador para  entronizar a un rei, hoxe un rei “demérito”.
Unha viñeta de “El Roto”( El Pais-abril 2012) representaba só unha coroa co seguinte texto: “Unha coroa para tan pouca cabeza”. Non se pode dicir máis con tan poucas palabras. 

Un rei campechano

Te puede interesar