Serpes do verán

enantes, cando eramos felices e comíamos perdices, no verán non sucedían cousas dignas de mención agás ir a praia e os xornalistas sacaban da chistera algún tema que puidese entreter á xente sumida na despreocupación. A estes asuntos de pouca monta xornalística chamábanlles “serpes do verán” : andanzas dos famosos en vacacións, algunha infidelidade soada, etc, en suma bagatelas. Pero arestora os xornalistas xa non teñen que tirar da imaxinación no estío, xa non temos serpes do verán; agora son dragóns que botan lume pola boca. Dous temas concitan a atención: a Covid-19 e a “escapada” do exmonarca. O primeiro é un asunto recorrente moi preocupante porque está poñendo en evidencia algunha das medidas encamiñadas a paliar o desastre que supón a expansión do virus cos novos rebrotes e a ineficacia das autoridades diante dos desmáns que se producen por parte dos irresponsables que habelos hainos e moitos. Non hai máis que ver o outro día a imaxe da praza de touros de Huelva na que deberían estar 5.000 persoas e ficaba abarrotada con 14.000 como se aquí non pasase nada. Xa andamos por máis de mil contaxios diarios (¡malia a obriga do uso da mascariña,eh!) e as autonomías envían a Sanidade os datos que queren. En fin todo isto soa a despropósito, a improvisación, e quen sabe como imos saír de este labirinto.
O outro dragón do verán é a fuga do rei chamado emérito á sazón anterior xefe de Estado. No salario dun rei debe entrar a exemplaridade de comportamento, cousa difícil de manter para os seres humanos que temos debilidades nas que soemos caer,  pero para algo se é rei e non cidadán de a pe aos que non nos condiciona ningunha outra cousa que non sexa a de sobrevivir.
Non son monárquico pero vivo nun país cun sistema político baseado nunha Monarquía Parlamentar e como cidadán, non súbdito, preocúpanme certos comportamentos abeirados no paraugas da irresponsabilidade e non entendo como desde as institucións séguese a intentar lavar a imaxe dunha persoa que aproveitou a súa condición de monarca e xefe do estado para sacar pingües beneficios.
Poderíamos recorrer ao título da ópera prima de Woody Alen “Toma el dinero y corre” que semella foi o que fixo o anterior xefe do estado investido de emérito. Demérito se acaso, pero seguiremos inventando España dándolle ao César o que non é do César.

Serpes do verán

Te puede interesar