Recuperemos a esperanza

Non son dos que se apaixonan coa política, pero interésame porque a través dela é posible que as cousas cambien; refírome, claro, á política sustentada en postulados democráticos; unha dictadura non entra nese axioma. Absolutismo e tiranía non  son democracia, son outra cousa. E aquí tivemos unha dictadura que nos mergullou nunha longa escuridade perante corenta anos. Morto o can fora a rábia, pensaron algúns, pero nada máis lonxe da realidade: a rábia segue e xa están metendo a patiña por debaixo da porta grupos cun ideario neofascista que, parasitando á democracia, intentan contaminala e se cadra destruila. Por qué? Quizais debido á tolerancia da santa Transición, pero non serei eu quen dubide que naqueles primeiros momentos tal vez non se puido facer máis  polos riscos existentes de golpe de estado, pero pasados corenta anos non se entenden certas cousas relacionadas coa tímida Lei da Memória Histórica promulgada polo goberno socialista de Zapatero ou con aquela coutada Lei de Amnistía que permitiu a certos criminais campar ao seu libre albedrío polo territorio patrio condecorados con medallas pensionadas como é o caso de Antonio González, “Billy el Niño”, ou que  non se houberan ilegalizado fundacións como a “Francisco Franco”  creada para máis gloria e exhaltación do dictador que xustifican os crimes e insultan ás víctimas. A sombra do franquismo, do fascismo, é alongada e chega ata os nosos días con ese discurso de salvación, chauvinista, cheo de referenzas á unidade de España e de que España volverá a ser unha, grande e libre sen inmigrantes que veñan a quitar traballo aos nativos. E este discurso lamentablemente prende nalgunha xente que rexeita a politica democrática como solución. E quen ten a culpa de todo isto? Houbo quizais algún partido democrático que se decidira a propiciar dunha vez por todas unha política capaz de promover  verdadeiros cambios? Alemania e Italia remataron hai setenta anos coa simboloxía fascista sen aparentes problemas, Chile e Arxentina logo tamén dunha inicial impunidade, sentaron no banquiño, e seguen, a golpistas e asasinos. 
Aquí, pouco ou nada a este respecto namentres a satrapía segue gañando adeptos. Houbo antes gobernos socialistas, dous para ser exactos, que tiveron na súa man dar un portazo definitivo á dictadura. Temos agora un terceiro que se atreveu a dar pasos nese sentido. Será a terceira a vencida? Esperemos a velo e o mesmo recuperamos a fe que paseniñamente fomos perdendo. Esperemos.

Recuperemos a esperanza

Te puede interesar