Rebrotes

Falar da pandemia, da covid-19 e das súas incidencias  resulta xa un monotema, e un asunto reiterativo remata sendo canso e aburrido. Pero é o que hai e ben está que esteamos atentos por se as moscas para non caer nunha relaxación que pode ter consecuencias negativas para nosa saúde pois a convivencia prolongada con algo ou alguén pode caer na rutina, no desleixo, e xa se sabe o que iso significa. 

Todo mundo cría, comezando polo ínclito Trump, que o virus ía liscar coas altas temperaturas e que viaxaría con vento fresco cara a quen sabe onde, pero o caso foi que nos EE.UU estase cebando e cada día hai máis enfermos e vítimas mortais. Por estes lares chegamos a pensar case no mesmo e o “comité de sabios” que tratan destas cousas falaron dunha posible reactivación no outono coincidindo coa chegada da gripe estacional. O outono aínda non chegou e non saberemos como vai ir a cousa, pero a realidade é que en pleno verán e coas altas temperaturas que estamos tendo o virus semella atoparse cómodo entre nós e non quere deixarnos.

Con esta situación tratar de reactivar a economía sobre todo no ámbito turístico nun país cuxo produto interior bruto depende en gran parte do turismo resulta dun elevado risco pois para encher as praias, os hoteis, bares e restaurantes é necesario que veñan turistas e a maior mobilidade máis trasporte de virus dun lado para outro. Non é un tema doado de resolver e nesas estamos dando unha de cal e outra de area tratando de facer algo porque algo hai que facer como  manter unha distancia interpersoal e usar si ou si a mascariña. É o único que temos porque a vacina tardará en chegar e tampouco vai ser efectiva ao cen por cen como xa advirten os especialistas. Así as cousas moito temo que andemos por moito tempo co trapo na cara coa conseguinte incomodidade que supón máis neste tempo cando a calor aperta do lindo. Non sei a vostedes pero a min resúltame case insoportable convivir co ar quente que un exhala e que parcialmente queda retido na mascariña coa conseguinte sensación de afogo por non falar, cousa menor, do vao nas lentes. Pero como di o refrán: “o que algo quer, algo lle custa” e nesas andamos.

A min cústame asumir que isto vai seguir así por longo tempo. A catástrofe económica que se aveciña non ten comparación e a política terá que por sobre a mesa os medios que, cando menos, mitiguen o desastre. Os rebrotes xa están aquí en pleno verán e os turistas tamén, estes marcharán e o virus semella ampliar a tempada: a ver como paramos isto. 

Rebrotes

Te puede interesar