Publicidade

Vivimos baixo o ditame de modas e tendencias e as casas comerciais fan todo o posible  para que os seus artigos cheguen canto máis loxe mellor. Barallan todas as posibilidades ata que deron con nós os destinatarios das súas mercadorías como vehículo importante da súa publicidade. Todos nalgún momento caímos nas redes desta manipulación encuberta e nas fauces insaciables dun comercio onde semella que todo vale. Non bastan os cartelóns nas estradas,  o seu rastro na prensa, na radio   e na televisión onde nos trituran con horas diarias de publicidade de todo tipo, non, senón que ¡albricias!, deron cun sistema que outrora se utilizaba cando a tecnoloxía non chegara tan lonxe como arestora: o ser humano, o propio destinatario como vehículo publicitario. Vin xa hai tempo en Madrid,  pola Porta do Sol, cando eu era un rapaz, a uns homes  carteis andantes que anunciaban, non recordo que cousas, por diante e polas costas e íanse movendo con parsimonia dun lado a outro da rúa mesturandose coa xente que se movía tamén por esas vías esencialmente comerciais da capital de España. “Homes carteis”, ¡eran carteis andantes!,  publicidade móbil. Disto pasou moito tempo pero hoxe en día todos, todos pasamos a ser carteis andantes paseando publicidade polas nosas aldeas, vilas e cidades impresa nesas camisetas que lucimos fachendosos, e digo fachendosos e non esaxero, basta con observar as caras dos novos carteis andantes porque metéronnos na testa que certas “marcas” dan categoría a quen as leva enriba. E por aí andamos con enormes reclamos no peito anunciando productos que publicitan preferentemente os deportistas famosos que cobran un diñeiral por iso namentres nós non só non cobramos senón que moitas veces pagamos polo anuncio que portamos un pastón e...tan contentos. Isto observase sobre todo no verán, época do ano propicia para perder a vergoña e poñérmonos por encima o primeiro que nos cae a man. Mesmo os sociólogos, os estudosos dos comportamentos humanos poderían dicir algo ao respecto. Pasouse dun pequeno cocodrilo, dun discreto loureiro á altura da tetiña esquerda do “niky” a lucir un letreiro publicitario en todo o peito, xa vedes. Nenos, adoescentes, mozos e mozas , traballadores e pensionistas, todos pasamos a seren “carteis andantes” por obra e gracia dun sistema que nos manipula, que nos utiliza e do que ao final rematamos sendo servos. Pero é verdade que sarna con gusto non pica: seguiremos levando anuncios no peito. Si.

Publicidade

Te puede interesar