Polbo

Aos veciños de Mugardos chamáronnos sempre “polbeiros” tanto é así que poderíamos dicir que aceptamos o polbo como animal de compañía. Polbeiros, o que se di polbeiros eran aqueles que ían á captura do polbo pola nosa ría e compuñan un número considerable na vila, e digo compuñan porque iso xa foi : era a época dourada  da pesca do polbo en Mugardos.  Curiosamente non foi o polbo a especie mariña que máis se capturaba: era a sardiña así que non faltou nada para que fósemos coñecidos tamén coma “sardiñeiros”. Nesa competencia por levarse a palma foi o cefalópodo o que gañou e hoxe Mugardos e o polbo son dúas identidades indisolubles, xunguidas para sempre. Mugardos ten que reivindicar a súa receita xenuína: o polbo á mugardesa, e para iso hai que se poñer de acordo e non facer “experimentos con gaseosa”. O normal nas receitas populares é que estas se transmitan boca a boca a través do tempo sen que quede nada escrito así que, como nos contos, resulta normal que cada un lle vaia engadindo ao prato algo da súa colleita. Así as cousas atopámonos que cando pedimos polbo á mugardesa este sabe diferente segundo en que sitio. En Mugardos desde hai tempo temos un día dedicado ao polbo: A Festa do Polbo que cadra unha semana denantes da Festa do Carme, festa dos mariñeiros. Dito así, Festa do Polbo, poderíamos entender que se ofrece polbo nas súas dúas acepcións máis representativas: á feira e á mugardesa. Creo que é un erro tratar de competir con outras festas do polbo á feira que nos levan moitos anos de adianto. Penso, e isto digoo sempre que teño oportunidade, que Mugardos non ten competencia se establecemos coma rei da festa o “polbo á mugardesa”. Para saborear polbo á feira xa están outras festas como por exemplo a do Carballiño e digo isto confesando que son case fanático do polbo á feira, ese polbo cocido con mimo e xusteza, ao dente, con esa pisquiña de aceite, sal e “pimentón”. Son dos que cren que non precisa nada máis, só que saiba a polbo. Pero son mugardés e fago militancia coas cousas representativas da miña vila e no que concirne a gastronomía o polbo “á mugardesa” está na primeira liña, así que aquí estou rachando unha lanza por el, abofé. Poñámonos en serio a tratar de establecer un criterio uniforme respecto a nosa receita xenuína, preguntemos aos máis vellos, reunamos opinións e que decidan os gastrónomos. Con polbo, receita e festa temos os tres fundamentos precisos para que dez mil persoas veñan aquí na procura do polvo “á mugardesa”. 

Polbo

Te puede interesar