O poderoso influxo da política

Nn resulta doado substraerse do poderoso influxo da política. Por moito que o intentes verás que é unha misión case imposible pois, esteamos conformes ou non, a politica sempre está aí influíndo sobre a nosa vida nun ou noutro sentido segundo sopren os ventos que lle dan osíxeno ós gobernos. As veces un cae na tentación de tirar a toalla, de pedir papas diante de tanto despropósito. Non temos escapatoria e o menos que podemos facer é estar preocupados polo que acontece e o que pode acontecer: a min preocúpame, desacóugame, e ando a darlle voltas na procura de entender o que pasa cousa que non che é nada doada.
Por exemplo: unha das cousas que me veñen ao maxín é a non aprobación dos presupostos o que me fai pensar que o goberno non aceptou eses 21 puntos que os separatistas puñan sobre a mesa coma condición para sacalos adiante. De aprobarse os presupostos seguramente oiríamos dicir á oposición que o Goberno cedeu diante dos secesionistas. Custa crer que os separatistas non valorasen a posibilidade dun goberno de dereitas pois de ser así irian dados nas súas aspiracións: pasarían a ter un 155 prorrogable sine die. Eles saberán o que fixeron ó non dar prórroga ao goberno presidido por Pedro Sánchez e obrigar a este a anunciar unhas eleccións anticipadas coincidentes con outras dúas eleccións máis cun coste duns 140 millóns cada unha. Os intereses partidistas páganse a calquera prezo.
Por outra banda, penso que a dereita está preocupada pola fragmentación a que está sometida: Vox, que chamou “blanditos” ó PP seguramente apañará votos dos máis radicais do partido da gaivota ou do que sexa, por iso o seu secretario xeral ponse máis arroutado para estar á altura, pero con iso é probable que os votantes máis moderados se escapen para Cidadáns así que o PP ten motivos para estar preocupado. Non parece haber dúbidas: o chamado centro dereita neoliberal está representado xa polo partido de Albert Rivera.
E a esquerda está mergullada no mar de dúbidas que lle é consubstancial: non se entenden para case nada e a que se consideraba hexemónica agora fai politicas neoliberais, grave erro penso eu, porque xa hai outros que fan isto moito mellor. O PSOE necesita posicionarse nos seus fundamentos programáticos.
Se a politica inflúe tanto sobre nós, intentemos influír sobre ela. Votemos masivamente nas próximas eleccións, fagamos política, e o mesmo algúns prepotentes atópanse cunha sorpresa.

O poderoso influxo da política

Te puede interesar