O poderoso cabaleiro que nos manda

Algúns críamos que a política podía cabiar as cousas pero a realidade é que o motor principal que move todos os intereses é o diñeiro. Pensamos, coitadiños, que a cousa podería mellorar co tempo. O “tanto tes, tanto vales” está cada vez máis vixente. O $ é a icona máis venerada dunha relixion cuxos ministros tamén pretenden que comulguemos con rodas de muíño. Os que manexan o diñeiro inflúen na política, teñen a deputados como se fosen empregados das súas empresas, a expresidentes nos consellos de administración e quédanse connosco constantemente. Vaian un par de exemplos xurdidos estes días malia dos enganos que sofremos de cotío por parte das compañías electricas, bancos, telefónicas, etc.
Un señor chamado Tebas, á sazón presidente da chamada Liga profesional de Fútbol tivo a brillante idea de tentar levar algúns partidos da liga “española” aos EEUU. Cal foi a razón?: a excusa, promocionar o fútbol naquelas latitudes, a realidade: a pasta gansa que pode apañar. Os afeccionados, os que van aos campos, unha vez máis, manipulados e sumidos no engano do mercantilismo salvaxe. Voulle dar unha idea a este home : que a primeira volta da Liga española se xogue nos EEUU e a segunda na China. Negocio seguro.
Tampouco o diñeiro sabe de ideoloxías: a pela é a pela. Hai uns días anunciábase que o goberno pensaba anular un pedido de 400 bombas láser para o réxime sátrapa de Arabia Saudí e agora parece que está pensando en rectificar porque en “Navantia” montóuse a de deus é cristo por medo a perder unha contrata de cinco fragatas para aquel goberno tirano. O rei Salmán bin Abdulaziz, que xa amenazou con anular o pedido deses barcos se non recibe as aludidas bombas, amigo do noso rei emérito, contratou a posta en marcha dun AVE entre as cidades de Medina e La Meca cun investimento de 6.000 millóns de euros. As prebendas en forma de comisións están baixo ese absurdo pacto de silenzo que se mantén respecto das actividades mercantís de Juan Carlos I. Estes días arquivouse o asunto dos papéis e gravacións de Corina, examante do rei campechano. Polo menos cabe esperar que nas estacións dese tren bala non se realicen aforcamentos de homosexuais ou non se fagan mutilacións. Pero no fondo que máis da: a pela é a pela. Por non falar do inferno que supón ser muller nese país. Non importa que o diñeiro estea manchado de sangue: lávase e en paz porque “ande yo caliente, ríase la gente”. Éche o que hai.

O poderoso cabaleiro que nos manda

Te puede interesar