Negacionismo

Levar a contraria, negar o evidente son cousas bastantes comúns en determinada xente. Non sei se o fan por tocar os fouciños ou porque cren que están no certo, pero o caso é que andan por aí dálle que dálle as súas fantasías. Hainos para todos os gustos. Hai pouco escoitei a un home defendendo a teoría de que a Terra era plana: son os terraplanistas. Pois xa lles pode un convidar a unha viaxe espacial que non se convencerán do evidente. Deberían deixarllo ver. Pero a existencia duns personaxes que cren no raso da Terra non causa prexuízo para os demais: cada tolo co seu tema e a outra cousa. Tamén hai quen nega o holocausto, e posiblemente  aparezan en escena os que discutan que dous máis dous sexan catro. Hai xente para todo. Alá eles.
Pero o verdadeiramente preocupante é cando as súas actitudes causan prexuízo como é o caso dos que o outro día se manifestaron en Madrid contra o uso de certas medidas preventivas respecto do covid-19. Se alguén dos que participaron nesa concentración está contaxiado, pódeme contaxiar a min e entón xa non estamos a falar en abstracto, atopámonos diante dun flagrante  delito contra a saúde e iso xa non é ningunha broma. Os argumentos desta xente son variados e a maior parte excéntricos coma esa teoría do 5G  ou a dos nanorobots con Bill Gates á cabeza que din nos quere introducir coa vacina, historias  promulgadas e difundidas por personaxes que un cría cunha certa preparación pero todo isto remata poñéndoos intelectualmente no seu sitio.
É verdade que o das vacinas en xeral remata sendo un gran negocio para o laboratorio que primeiro consiga a súa patente : e a loita na que andan para ver quen é o primeiro en dar coa CV-19 está xa aí. Unha cousa son o intereses destas empresas, e outra negar a eficacia das vacinas que non o son efectivamente  ao cen por cen pero non hai dúbida que algunhas delas  foron determinantes no noso devir como seres humanos.
É posible que non nos estean contando todo e si así é quizá sexa porque tampouco o saben todo desde que ese virus chegou ben a través dun morcego,  si foi culpa dun pangolín ou dun tipo do laboratorio da cidade de Wuhan no que se traballa con estas materias perigosas que o sacou a dar unha volta por aí fora. Sexa como sexa o caso é que estamos como estamos, e dicir: mal sen ter a man unha solución agás as preventivas, esas que algúns rexeitan. De seguir por este camiño ¿cren que de verdade resistiremos? Xa veremos.

Negacionismo

Te puede interesar