Na campaña

Non sei a vostedes, pero a min destes dez días de campaña sóbranme oito por non dicir todos. En catro anos, catro eleccións xerais o que a todas luces parece excesivo, case un despropósito, un absurdo provodado pola falta de entendemento sustentado nun cúmulo de ambicións persoais  e de partido dificilmente entendibles para a cidadanía de a pé. 

Estas cuartas eleccións prodúcense porque non houbo entendemento nos partidos chamados de esquerda, un estigma que arrastran desde sempre, malia saberen que tal e como andan as cousas case é imposible acadar maioría absoluta. E aquí estamos outra vez diante dunhas eleccións que, salvando sorpresa maiúscula, van ser máis do mesmo, as mesmas consignas, as mesmas promesas, compromisos que de ser cumpridos outrora a estas alturas xa non terían promesas que ofrecer a unha cidadanía farta de ofertas incumpridas.

Non vin o debate de portavoces que o venres ofreceron por TVE pero imaxino que non perdín moito pois estes formatos onde cada un solta o seu manifesto sen propor solucións concretas aos problemas que nos afectan serven xa de ben pouco. Baixo o meu modesto punto de vista creo que  aumentaría o interese se os representantes de cada partido contestasen as preguntas dos xornalistas sobre asuntos concretos, que o xornalista actuase de itermediario entre a cidadanía e os políticos preguntando por exemplo que é o que van facer para protexer o medio ambiente, que farán para evitar de verdade os índices de contaminación, medidas para a creación de emprego, etc; propostas concretas para asuntos concretos. Pero non: bla, bla, bla  sen entrar no fondo das cuestións convertendo ese tempo televisivo case nun reality show onde o espectador está pendente de ver e ouvir como suben de ton os insultos e descalificacións. E xorde a inevitable pregunta: ¿ e van ser estes os que teñan poder de decisión sobre as nosas vidas e facendas? Pois si, van ser estes.

En democracia a cidadanía pode e debe elixir aos seus representantes que son fiel reflexo da mesma, pero ¿son os mellores? ¿ son os máis capaces para resolveren os problemas que de certo nos afectan? Ah, ¡chi lo sa! 

A verdade é que éche o que hai e entre iso haberá que elixir, así que debemos ir a votar malia que esteamos certamente aburridos e cansos de desleixos e ineficacias. Votemos unha vez máis e as que sexan necesarias porque a outra solución xa sabemos cal é e non nos gusta nada ¿verdade? Ao marxe das campañas insípidas e inútiles, ¡votemos! tamén para botar. Si.

Na campaña

Te puede interesar