Moral e pederastia

Houbo un tempo no que os matrimonios se celebraban a unha idade moi temperá, sobre todo para as mulleres. O que era normal outrora deixou de selo hoxe. Non se consideraba unha inmoralidade que un home desposara a unha rapaciña de catorce anos se esta tiña o consentemento paterno. É máis: a Igrexa Católica ata o ano 2015 establecía por regulación canóniga a idade mínima  para casar de catorce anos para as mulleres e dazaseis para os homes, así que non se consideraba inmoral nin se caía na pederástia se un home casaba cunha nena de catorce anos. Os evanxeos apócrifos falan dos dezaseis anos de María cando da a luz a Xesús de Nazaret.  Arestora no 2019 a idade mínima para contraer matrimonio pasa ós dezaseis para a muller ( a esta idade unha aínda é menor) e ós dezaoito para o varón. Lese nas crónicas que as aristócratas atenienses casaban en plena adolescencia, entre os trece ou catorce anos con homes que lles dobraban a idade e na idade media a muller era maior ós doce e o home ós trece. No século XIX a nai dun ferrolán ilustre apenas chegaba ós trece anos cando dou a luz, así que como vemos os matrimonios con nenas non eran tan raros. Estas costumes afortunadamente foron cambiando e hoxe non se conciben matrimonios a estas idades tan temperás. Un exemplo de matrimonio “prematuro” foi o do poeta Antonio Machado con Leonor Izquierdo, a súa “fada máis nova” coma acostumaba dicir. Ela tiña 15 anos e el 34. Casaron pola igrexa e con petitorio de man. Leonor morreu tres anos despois de tuberculoses. ¿Podemos dicir que Machado era un pederasta ou un pedófilo? Evidentemente non. Resgarse as vestiduras neste caso non ten sentido ningún. Si nolas podemos resgar diante do que hai tempo leva ocorrendo nunha institución que debera dar exemplo de comportamento moral exquisito: a Igrexa, onde estánse a producir graves casos de pederastia e pedofilia protagonizados por cregos e cardenais. Diante destas aberracións a institución templa gaitas, pon panos quentes tratando de mitigar o efecto negativo destas atrocidades cometidas por algúns membros do gremio sacerdotal que fan votos de castidade desde que entran no seminario e aí pode que estea o quid de parte da cuestión, no desequilibrio mental provocado por un desaxuste hormonal que pode conducir á pedofilia e á pederástia. Un cardenal, o terceiro máis importante do Vaticano, foi condenado estes días a entrar en prisión. Por aí habería que empezar e seguir. Abofé.

Moral e pederastia

Te puede interesar