Mero, meu amigo

Non son dos que graban na memoria datas concretas xa que logo non sería quen de lembrar o día que coñecín a Mero (Baldomero Iglesias) pero si lembro perfectamente que cadraba cando nacía o grupo que dou un envorco definitivo á música popular galega: “Fuxan os Ventos”. Eu achegárame a Lugo invitado por Xesús Mato a participar nun festival no Gran Teatro e alí estaban eles. Cantamos xuntos naquel evento e a partires de aí comezou a historia. Axiña decateime que Mero era coma o elemento aglutinante, coma ese pegamento que mantén as pezas xunguidas aparentemente sen facer moito ruído ata que se despegan, cousa natural porque nada dura eternamente pero el seguiu coas súas arelas de defender o patrimonio cultural da nosa terra a través da música e das escritas e aí está “A Quenlla” e os libros que publicou e as colaboracións na prensa e revistas coma “Xistral” e “Irimia” e a in terminable lista de premios polo seu inxente traballo a prol da difusión da cultura galega subido ó vehículo da música e a palabra. Necesitaría moitas “Miradas Poliédricas” para falar de Mero pero nesta voume limitar a comentar o noso encontro de fai uns días no Ateneo de Ferrol co gallo de presentar o seu libro de poemas “No Perfil das Verbas”no que descubrimos a un poeta coma a copa dun piñeiro. Emprazoume para que cantara duas pezas e fíxeno de moito agrado nun acto no que a música e a palabra camiñaron da man. Se non coñecésemos a Mero e caera este libro nas nosas mans, lendo un par de poemas concluiriamos en que o autor deses versos ten que ser necesariamente moi boa xente e acertaríamos porque no meu amigo coinciden estes dous conceptos: ser unha moi boa persoa e un home de sensibilidade exquisita. Neste intre vou abrir o libro de xeito aleatorio e leo: “Amar é viaxar sen rumbo/convencido na enerxía tola que te leva/descubrir constantemente un novo mundo.Ou : Naquela nostalxia da memoria/ quedou prendida a miña melancolía. Todo este afloramento de sensibilidade vai pendurado dunhas belidas ilustracións de María Guerreiro o que fai que o libro no seu continente e contido sexa dunha gran beleza. Pero a cousa non remata aquí: o diñeiro recadado pola venda do libro vaise dedicar á restauración da casa do poeta Xosé María Díaz Castro e aquí atopámonos co Mero comprometido e solidario, con esa persoa que sempre está aí cando é necasario. Todos sentímonos agraciados por esta entrega sen condiciós albiscada polo amor a Terra. Séntome ledo de ser teu amigo, compañeiro. Si.

Mero, meu amigo

Te puede interesar